Skip to main content
Cospeito

A oposición fala en Cospeito

Por 28 Abril, 2024Abril 29th, 2024Sin comentarios

Nas últimas eleccións, o PSOE quedou só na oposición, trala desaparición do BNG, escano que se quedou o PP.

Cospeito é a día de hoxe un concello bipartidista, de maioría popular. Nas últimas eleccións municipais, o BNG non logrou conservar o asento que tiña na Corporación, que se foi para o PP, que xa contaba con maioría absoluta, mentres que na oposición está o PSOE, que agora dirixe Daniel Irimia, trala saída da primeira liña da anterior voceira.

Así, que Daniel Irimia é novo no seu papel, aínda que a política estivo de sempre nas súas inclinacións, “como practicante, desde que rematei a Secundaria, como activo político desde 2015 e como concelleiro electo desde 2019”, explica. Empezou na política asistindo aso mitins, “eu non ía aos mitins dun partido, eu ía aos mitins de Beiras, que sigo pensando que foi e é un dos maiores intelectuais galegos desde Rosalía e Castelao”, involucrouse na política local nun proxecto “na que non existiu un grupo de traballo firme aínda que si contou con xente que aprecio moito a día de hoxe e decidín deixalo”.

Despois comezou con Rosa Morán e posteriormente foi designado candidato. “Acepto con unha condición: que María González e Álvaro Anllo me acompañen na lista. Dúas persoas da miña extrema confianza que afortunadamente se estenderon a máis. E así me atopo actualmente con un grupo de xente traballadora ao meu carón e militando no meu partido do que estou tremendamente orgulloso pola xente coa que conta”.

Considera o mellor da vida política “que contribúo a mellorar o meu arredor e que aprendo dos veciños cada día” e o peor “non poder pasar tempo coas persoas que quero. Tendo en conta que estou facendo unha tese doutoral e sumándolle a actividade política… pois evidentemente o tempo que resta para dedicarlle á familia é mínimo. Isto é unha cuestión que me doe e aínda así estou disposto a dedicarme as 24 horas do día e os 7 días da semana aos veciños”.

PROXECTO

Con esta idea, o obxectivo está claro, “desenvolver o meu proxecto político en Cospeito: se non pensara que se poden facer as cousas moito mellor do que se fan no meu municipio, non sería un activo político en primeira liña. Todo pasa por isto. Estou centrado en estendelo á veciñanza o tempo que me permite o meu traballo e o resto non me interesa”.

Sobre isto ten elaborado un plan de traballo que pivota en torno á extensión do Servizo de Axuda no Fogar, “polo tanto garantir a atención aos maiores, crear un programa de madrugadores e tardes nos colexios para contribuír á conciliación laboral, sacar adiante o PXOM para fixar poboación, revitalizar a nosa capital e fomentar o asentamento industrial, e blindar o noso rural en canto a estradas, auga da traída e contedores en boas condicións e en plataformas. Estas cinco ou seis cousiñas, son transcendentais”. Ademais, considera necesario e urxente “dinamizar as nosas parroquias apoiando economicamente as nosas asociacións que fan un labor fantástico, crear un programa cultural que active as nosas casas da cultura e poñer en valor a nivel turístico e veciñal a Lagoa de Cospeito e a Torre de Caldaloba”.

“Atópome actualmente cun grupo de xente traballadora ao meu carón e militando no meu partido do que estou moi orgulloso”

OS DATOS

HABITANTES: 4.257.
PARROQUIAS:
20.
EXTENSIÓN:
145 km cadrados.
PARTIDO XUDICIAL:
Vilalba.
CORPORACIÓN:
7 concelleiros do PP e 4 do PSOE.
ALCALDE:
Armando Castosa Alvariño, do Partido Popular.
VOCEIRO PSOE:
Daniel Irimia Yáñez.

O LABOR OPOSITOR

Para Daniel Irimia o importante é a relación cos veciños, como papel dun representante da oposición, traballar para todos sen ningún tipo de distinción, escoitalos, axudarlles no que sexa preciso e respectar por encima de todo a súa discreción. “Desde que eu teño o inmenso orgullo de liderar a oposición, nosoutros obramos así e obraremos así. Xa van aló case dez meses desde que exercemos como tal e a diferenza entre o Grupo Municipal que hoxe lidero e o Grupo de Goberno sumado á anterior oposición é moi clara ou diáfana: presentamos máis preguntas e mocións que presentou o resto en toda a lexislatura anterior. E isto non é un mero traballo de escribilas e presentalas no Pleno: se os veciños non nolo pediran, pois parte deste labor non existiría. Saben perfectamente que temos un compromiso firme de raíz con eles”.

Defende tamén o traballo que se realiza día a día a través da Deputación. “Como todos os veciños saben o meu partido ten responsabilidades de goberno na Deputación, eu creo que desde ese ente se ten colaborado moito e se colabora co noso concello. Cun Plan Deputación que achega preto de 400.000 euros anuais para alumeado público, asfaltado, etc; coa recente entrega do Polígono Industrial da Feira do Monte, as subvencións destinadas ás asociacións, á Moexmu, á Festa da Filloa, o asfaltado de novo que se fará da LUP17-02 da Feira do Monte, podería aburrirme enumerando. Así que o meu partido axuda na medida en que aposta polo rural; investindo no meu concello e mentres eu siga á fronte que ninguén dubide de que investirá aínda máis”.

O GOBERNO

Sobre as relacións co partido do Goberno non está tan satisfeito, “Eu esperaba que no Pleno tiveran algo máis de altura política e coidaran máis a comunicación coa oposición. Podo chegar a entender a tensión do Pleno, pero son uns veciños máis, compañeiros de Corporación, que lles quero ben e aprecio. Pola miña parte tamén lles axudo no que precisen, agás en pedir o voto que o fan demasiado ben”.

E como bo estudoso, afirma que “todo aquel que goberna debera ler o poema Ti onte, mañán eu da nosa Rosalía (en Follas Novas), e toda oposición debe saber serenar a quen goberna, no caso de que se emborrache de poder”.