Skip to main content
Meira

O BNG presenta iniciativas no Parlamento polo mal estado do PAC de Meira

Por 28 Abril, 2024Abril 29th, 2024Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa deputada Olalla Rodil presentará iniciativas no Parlamento Galego para denunciar o estado de abandono e as promesas incumpridas pola Xunta de Galiza coa veciñanza adscrita ao PAC de Meira.

Faino despois dunha xuntanza coa veciñanza afectada por esta situación do PAC de Meira ao que esta adscritos os concellos de Pontenova, Riotorto, Ribeira de Piquín, Meira, Pol e A Pastoriza.

A Xunta leva dende o 2021 vendendo reformar o edificio do Pac de Meira que non chega nunca. Vendeuse que se faría unha reforma consistente en “ampliación para instalar servizos como unha consulta de enfermería pediátrica, unha sala polivalente, unha sala de técnicas (probas complementarias, citoloxías…), un almacén ou unha sala de limpeza. Tamén se adaptarán os aseos, a recepción e o arquivo, entre outros traballos”, tal e como recolle a nota de prensa publicada pola propia Xunta.

En 2022 volveron vender fume publicando na web de Contratos de Galicia a contratación para a realización do proxecto básico e de execución e dirección de obra da ampliación e reforma do centro de saúde de Meira (provincia de Lugo) por valor de 158.844,15 con IVE.

Este procedemento de contratación resolveuse con data 27-12-2022 e un importe de 127.050,00 € estabelecéndose un prazo de 6 meses para a execución do mesmo. Pasaron os 6 meses e nada se fixo.

Un ano despois, en novembro de 2023 o conselleiro de Sanidade visitou Meira para anunciar o “compromiso da Xunta de Galiza co Concello de Meira” coa reforma do Centro de Saúde cunha partida orzamentaria de 200 mil euros. É dicir, anunciar de novo o xa anunciado e adxudicado mais nunca executado contrato de reforma do Centro de Saúde de Meira.

“Para o Bloque Nacionalista Galego todo o acontecido arredor da necesaria reforma e ampliación do centro de saúde de Meira que acolle tamén o servizo de PAC da comarca é simplemente vergoñento e inadmisible. Ao longo deste anos o Partido Popular non só incumpriu os seus propios anuncios senón que parece tomar por parva a veciñanza anunciando o mesmo con dous anos de diferencia” explica a deputada nacionalista

“Isto lévanos a pensar que tanto a Consellaría de Sanidade como o alcalde de Meira lles esta a tomar o pelo á veciñanza de Meira, e instarémolos a que nos digan cando pensan cumprir todos eses compromisos que teñen coa veciñanza de Meira e concellos da comarca afectados” rematou dicindo Olalla Rodil.