Begonte prepara a Festa da Xuventude para o día 18

TerraChaXa
O Concello de Begonte continúa o día 13 de maio cunha nova edición da Festa da Xuventude, coa que se busca ofrecer unha alternativa de ocio.
festa da xuventude futbolin begontet
festa da xuventude futbolin begontet
30 abr 2024

Begonte prepárase para celebrar o sábado 18 de maio a Festa da Xuventude, que organiza o Concello, unha celebración na que se busca ofrecer unha alternativa de ocio á xente moza do Concello cunha ampla programación.

A festa volve celebrarse no club fluvial de Begonte e abrirá a programación ao mediodía coa actuación do grupo Arizona en sesión vermú.

Durante a tarde desenvolveranse numerosas actividades. Unha delas consistirá na celebración do segundo Open de fútbolín de modalidade de parado, que se iniciará ás 16.00 horas. Haberá dúas categorías, con 8 premios na de Elite e catro na de primeira con recompensas de entre 600 e 30 euros para os participantes. A inscrición é gratuíta.

Outra das actividades da tarde será a festa do baloncesto, que terá lugar a partir das 18.00 horas no mesmo club fluvial coa participación de Maximus. Completa a programa vespertino un campionato de tute e unha xornada billardeira. Tamén están previstos xogos populares para todas as idades.

Á noite, ás 21.30 horas está programada unha cea, que inclúe bebida, empanada, chourizo e churrasco antes da música das orquestras Olympus e Arizona en sesión verbena.

Ademais, está prevista a fin de festa co DJ Ello.

O Concello ten á venda uns packs por 15 euros que inclúen a cea, unha camiseta, bolsa e pano para a cabeza. Os packs están xa á venda no Concello en horario de mañá.