A música e o teatro protagonizan o programa cultural de Foz

Foz
AMariñaXa

O Concello de Foz presenta a súa programación cultural para os meses de primavera, que inclúe actividades musicais e teatrais.

ines_lopez_foz
ines_lopez_foz
8 may 2024

O Concello de Foz presenta a súa programación cultural para os meses de primavera, que inclúe actividades musicais e teatrais. Despois dun abril cargado de libros e letras, maio comeza con música “cos combos da Escola de Música Arcadio Mon, que serán todos os venres deste mes ás 18.00 horas ao lado da escola, no paseo da Ribeira (en caso de mal tempo serán no CENIMA)”, explica A a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

Polo medio haberá actividades coma a deste próximo venres, na biblioteca municipal, lettering: debuxar letras, para a que é necesario anotarse no teléfono 982 140 675, “unha actividade moi bonita para todos aqueles nen@s aos que lles guste facer caligrafías bonitas”. A continuación, será a poetisa local Natalia Alonso a que dará Advertencias para un traxecto boreal, nunha actividade que realizamos en colaboración coa UNED.

“As letras galegas celebrámolas cos coles de Foz e o martes 14 temos sesións de teatro escolar na Casa da Cultura coa representación A nena do violino e a poesía. E tamén como inicio ao III Certame de Teatro Afeccionado os días 25 e 26 de maio teremos unha masterclass de iniciación ao teatro co xenial Avelino González”, engade a concelleira de Cultura.

A ESMU tamén chega aos coles e os días 27, 28 e 29 haberá sesións didácticas para os centros de Foz e unha colaboración co Concello de Barreiros. “E xuño será un mes de teatro, xa que, os días 6, 7, 8, 14, 15 e 16 na Casa da Cultura celebraremos o Certame de Teatro Afeccionado Jose Luis López Lorenzo O Poto, coa entrega de premios o venres 28 de xuño.”

Todas estas actividades e outras moitas nas que o Concello colabora con asociacións da vila conforman unha primavera chea de música, letras, teatro e sobre todo cultura. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca “o traballo cultural conxunto do Concello e moitas asociacións, que crean eventos, unhas actividades que fan pobo e das que desfrutan veciños e visitantes”.