Uns 16 areais da Mariña contarán con bandeira azul

AMariñaXa

Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.

7 may 2024

Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Na provincia, son 8 concellos os que se fan co distintivo, 16 areais e 1 porto deportivo.

Foz é o concello lucense con máis praias galardoadas, un total de 5; seguido de Burela, con 2 praias e 2 centros azuis; Barreiros e O Vicedo, que suman 2 areais cada un deles, e Ribadeo, tamén con 2 praias e que un ano máis conta cun porto galardoado. Son Coto e Fontela Valea en Barreiros; A Marosa e O Portelo en Burela; O Torno, en Cervo; A Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás, en Foz; Abrela e Xilloi, no Vicedo; As Catedrais e Os Castros-Illas, en Ribadeo; Area de Viveiro e Esteiro, en Xove.

No caso da Coruña, son 38 os areais, entre eles o Lago das Pontes. No caso dos portos lucenses con bandeira azul, repite o Porto Deportivo de Ribadeo, así como o Centro de Educación Medioambiental Gaia de Burela e o Barco Museo Reina del Carmen como centros azuis 2024.

Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130). Dos 114 areais galegos galardoados nesta edición —que se estenden ao longo de 53,5 km de costa e supoñen 1 máis que en 2023—, cómpre subliñar que ningún recibe este distintivo por primeira vez pero cinco deles recuperan a bandeira que non luciron o ano pasado.

Calidade das augas e seguridade

Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer esta mañá a relación de portos deportivos nos que ondeará a bandeira azul. Das 102 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 11 están en Galicia, unha menos que na pasada edición, xa que o Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz non presentou candidatura este ano por estar en obras. De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental.

Dos 87 galardoados en todo o país, 15 están en Galicia. Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser  excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.