Ribadeo lidera o programa de actividades para celebrar o centenario da morte de El Viejo Pancho

AMariñaXa

O Concello de Ribadeo lidera o programa de actividades para celebrar o centenario da morte do poeta ribadense-uruguaio El Viejo Pancho, que naceu un día 7 de maio e faleceu un 28 de xullo.

9 may 2024

O Concello de Ribadeo lidera o programa de actividades para celebrar o centenario da morte do poeta ribadense-uruguaio El Viejo Pancho, que naceu un día 7 de maio e faleceu un 28 de xullo.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, anunciou que “é un programa preparado por persoas de Uruguai e Galicia, co respaldo de ambos gobernos”. Esta conmemoración xa comezou coa exposición 100 anos sen El Viejo Pancho, preparada polo alumnado e profesorado do obradoiro e que se pode ver na Sala do Campo. “Pode ser visitada por todos os que o desexedes pero ademais o alumnado de Ribadeo, desde educación infantil ata secundaria, gozará cos traballos manuais, as xincanas, os percorridos pola vila, as creacións literarias e incluso vídeos de TikTok preparados para cada grupo de idade”.

Os centros escolares recibirán tamén unha unidade didáctica para traballar ó autor José María Alonso Trelles nas súas aulas. “Neste mes de maio presentaremos tamén unha páxina web para a difusión da vida e obra poeta así como das actividades realizadas nesta celebración”.

No mes de xullo levarase a cabo o forte das celebracións. Serán actos institucionais coa presenza da Xunta de Galicia e do Consulado de Uruguai; a representación dunha obra teatral inédita do autor polo grupo de teatro afeccionado de Ribadeo; o recitado de poemas; un concerto da Coral Polifónica de Ribadeo, que incluirá no repertorio poemas musicados e que foron popularizados por Gardel.

Ademais tamén terá lugar a presentación dun importante libro: unha publicación bilingüe con ilustracións de artistas uruguaios e este ano A Comarca dos Pícaros non se dedicará á homenaxeada no día das Letras senón ó Viejo Pancho. “Esperamos que poidades coñecer mellor ó Viejo Pancho e desfrutar de toda a programación preparada para celebrar o centenario da súa morte”, rematou a concelleira de Cultura ribadense.