Invisten 204.000 euros en seis proxectos de accesibilidade e mellora dos recursos turísticos no Vicedo

AMariñaXa

A Xunta de Galicia inviste 204.

alcalde_o_vicedo
alcalde_o_vicedo
9 may 2024

A Xunta de Galicia inviste 204.000 euros en seis proxectos que desenvolve o Concello do Vicedo ao abeiro das dúas convocatorias realizadas nos últimos meses do programa de axudas para o embelecemento do litoral e o impulso do seu uso turístico. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado das tres iniciativas xa rematadas, que melloraron as dotacións de centros municipais e espazos públicos.

Así, actuouse sobre a accesibilidade da praia de Xilloi, con sinalética en braille, pasarelas, eliminación de barreiras arquitectónicas, pitado de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida ou mesmo a dotación dunha cadeira “anfibia”. Igualmente, instaláronse paneis interpretativos no sendeiro da costa co fin de difundir a biodiversidade dese espazo natural que comeza no porto e remata na praia de San Román, unindo diversos atractivos turísticos como pobos, especies vexetais e animais e paisaxes.

Tamén se incorporaron pantallas interactivas na Casa da Cultura, a Oficina de Turismo e o Concello, que ofrecen información turística e de servizo de maneira áxil e eficaz. Ademais, van instalar varandas de seguridade no recorrido completo do paseo marítimo das praias de Vidreiro e Caolín e do porto; tamén colocará paneis interpretativos en diferentes puntos dos sendeiro verdes, con información concreta sobre a zona, e un tótem interactivo no exterior da Casa Consistorial.

Sostibilidade

Javier Arias destacou que as intervencións fomentan o desenvolvemento turístico sostible e accesible e melloran a experiencia dos visitantes grazas ás ferramentas tecnolóxicas, en consonancia cos obxectivos desta liña de apoios de Turismo de Galicia. Neste sentido, o delegado territorial lembrou que as achegas pretenden acondicionar os recursos e introducir medidas sustentables, dixitais, accesibles ou inclusivas, financiando propostas como a instalación ou reforma de casetas de información, postos de socorro e aseos, acondicionamento de sendeiros, creación de app turísticas ou instalación de elementos interactivos, entre outras.

No conxunto da Mariña, o investimento ascendeu a 758.000 euros para a execución de 24 proxectos, dos que 14 corresponden á última resolución publicada o pasado mes de abril. Esta é unha das actuacións incluídas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation, que conta cun orzamento global de 29,3 millóns de euros. Enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos.