O PP de Viveiro pídelle ao Goberno local o acondicionamento do paseo fluvial do Landro

AMariñaXa

O Partido Popular destaca o potencial natural de Viveiro e, sendo conscientes da riqueza que supón contar cunha paisaxe única debuxada no entorno do río Landro -declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC)-; convida ao Goberno municipal a realizar o mantemento e acondicionamento do paseo fluvial que conecta a cidade coa parroquia de Galdo, entre a ponte da vía do tren situada no aparcamento da variante e a área recreativa de Portochao.

Paseo fluvial Viveiro
Paseo fluvial Viveiro
6 may 2024

O Partido Popular destaca o potencial natural de Viveiro e, sendo conscientes da riqueza que supón contar cunha paisaxe única debuxada no entorno do río Landro -declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC)-; convida ao Goberno municipal a realizar o mantemento e acondicionamento do paseo fluvial que conecta a cidade coa parroquia de Galdo, entre a ponte da vía do tren situada no aparcamento da variante e a área recreativa de Portochao.

A portavoz, Mariña Gueimunde, subliña que “ao situarse próximo ao casco histórico, é un sendeiro moi visitado e transitado ao longo de todo o ano tanto por veciños como turistas para pasear ou facer deporte, especialmente en períodos estivais”. Por iso, advirte das súas deficiencias e recordará no pleno da corporación municipal a necesidade de actuar con urxencia para “reparar os elementos do paseo que están deteriorados e acondicionar debidamente este entorno natural para reverter a súa situación de abandono”.

A popular explica que “os viandantes e usuarios deste paseo e dos parques infantís situados ao inicio e ao final do camiño poden ver todo tipo de danos”. Nese sentido, enumera que hai lousas de caucho do parque danadas, zonas de xogo con pintadas de graffiti e deterioradas, lousas do paseo rotas e levantadas, varios carteis informativos e sinais ilexibles e algunha zona que acumula lodos que dificulta o paso.

Ademais, destaca a maleza que invade o paseo nalgúns puntos, un banco con partes rotas que deixa puntas ao aire, algunha acumulación de ramas aos lados do paseo que facilita a proliferación de avespas, taboleiros de madeira da pasarela rotos e unha varanda de madeira partida pola metade. Os populares defenden o patrimonio natural de Viveiro porque é “outro dos atractivos do municipio”. Así, chaman a atención do Goberno local para “realizar os labores de conservación nos sendeiros e equipamentos de uso público para que veciños e visitantes poidan gozar dende o respecto e con seguridade dun entorno atractivo e coidado”.