Antas inaugura o programa para que os maiores de 65 anos fagan a declaración da renda no seu concello

LugoXa

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, supervisou en Antas de Ulla a posta en marcha do novo programa da Axencia Tributaria que ofrece asistencia presencial a persoas maiores que viven no rural para presentar a declaración da renda desde os seus concellos a través de vídeo chamada.

programa_axencia_tributaria_antas
programa_axencia_tributaria_antas
7 may 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, supervisou en Antas de Ulla a posta en marcha do novo programa da Axencia Tributaria que ofrece asistencia presencial a persoas maiores que viven no rural para presentar a declaración da renda desde os seus concellos a través de vídeo chamada. Pedro Blanco comprobou en primeira persoa o funcionamento deste servizo do que poden facer uso a partir de hoxe máis de 30.000 persoas que viven nos 50 concellos do Reto Demográfico adheridos ao programa, todos eles de menos de 3.000 habitantes.

O delegado do Goberno comprobou a utilidade desta iniciativa acompañado da alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o delegado da Axencia Tributaria en Galicia, Miguel Cárcaba; e a delegada do organismo na provincia, Mª Elena Rosende. Blanco valorou in situ a eficacia do servizo, que cualificou de “pioneiro e innovador, co dobre obxectivo de achegar a Administración Xeral do Estado á cidadanía dos concellos pequenos e minimizar as consecuencias da brecha dixital entre xeracións para facilitar a vida das persoas maiores”.

Animou aos posibles beneficiarios a participar neste programa, remarcando a importancia de “ofrecer a posibilidade de realizar trámites desde os propios concellos, as institucións que están máis preto da veciñanza”. O delegado do Goberno en Galicia agradeceu á alcaldesa de Antas de Ulla “a súa predisposición e interese á hora de sumarse a iniciativas que redundan positivamente na vida dos maiores do seu concello, o que evidencia que a colaboración entre administracións mellora a vida dos cidadáns”.

Ademais, fixo extensivas estas palabras dando as grazas aos gobernos locais dos 50 concellos adheridos ao programa. Polo momento, esta iniciativa atópase nunha primeira fase piloto, de xeito que máis concellos dos 158 que integran os chamados de Reto Demográfico en Galicia serán susceptibles de unirse.

Citas ata o día 28

As peticións de cita poderán facerse ata o 28 de xuño nas respectivas casas consistoriais e a través da sede electrónica da Axencia Tributaria, xunto co resto de servizos de asesoramento que ofrece. No momento en que un veciño ou veciña destes concellos solicite cita para facer a declaración da renda, ofreceráselles facela a través de vídeo chamada. Coa cita xa na man, tan só terán que achegarse ao concello para ser atendidos por persoal da Axencia declaración.

Ademais da posibilidade de pedir cita na sede electrónica, a Axencia Tributaria ofrece estes teléfonos de cita con atención persoal: 915 530 071 ou 901 223 344 (de luns a venres, de 9 a 19 horas).  En Galicia hai 50 concellos beneficiarios deste servizo polo momento, nesta primeira fase piloto: 8 concellos da provincia de A Coruña; 19 na provincia de Lugo; 18 na provincia de Ourense; e 5 na provincia de Pontevedra.