A Fábrica da Luz, sede do futuro centro enogastronómico de Lugo

LugoXa

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron un protocolo de cooperación que permitirá poñer en valor a antiga Fábrica da Luz e a súa contorna, recuperando así este emblemático complexo para o uso e goce da cidadanía.

fabrica_luz_centro_enogastronomico
fabrica_luz_centro_enogastronomico
1 may 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron un protocolo de cooperación que permitirá poñer en valor a antiga Fábrica da Luz e a súa contorna, recuperando así este emblemático complexo para o uso e goce da cidadanía. A través deste acordo, o Concello de Lugo e CHMS estreitan a súa colaboración para adecuar os usos da Fábrica da Luz co obxectivo de que a dotación poida converterse na sede do futuro centro enogastronómico previsto dentro do Plan de Turismo Sostible desenvolto polo Goberno local.

A rexedora destacou o valor estratéxico das instalación. “A súa recuperación permitirá posicionar ao noso municipio como un destino enogastronómico de referencia que poña en valor a nosa historia e a nosa gastronomía á vez que brinda unha oportunidade única para promocionar os nosos produtos de alimentación e vinícolas, o que sen dúbida repercutirá na dinamización do tecido produtivo a nivel local”.

Neste sentido, anunciou que o Goberno local está a abordar a redacción do proxecto para a conversión da antiga Fábrica da Luz na ribeira do río Miño nun centro de enogastronomía baixo parámetros de sustentabilidade e eficiencia enerxética. A proposta contempla utilizar o volume central do edificio, que conta cun amplo espazo diáfano de aproximadamente 7,5 metros de altura, nun obradoiro onde os visitantes poderán gozar de distintas experiencias que poñen en contacto o mundo do viño e a gastronomía lucense.

Arquitectura bioclimática

Neste espazo principal instalaranse grandes illas circulares como espazos multifuncionais que servirán para divulgar as elaboracións tradicionais da nosa gastronomía e promover os viños da contorna. Aos lados desta zona central, dispoñeranse mostradores que albergarán a maquinaria para a elaboración e conservación dos viños e alimentos. A intervención contempla unha serie de actuacións mediante técnicas passivhaus de arquitectura bioclimática que están encamiñadas a mellorar o illamento e a eficiencia enerxética de todo o inmoble.

Ademais mellorarase a relación do interior do edificio coa súa privilexiada contorna fluvial coa instalación dunha nova carpintería exterior de altas prestacións. Pola súa banda, o presidente da Confederación destacou a importancia de poñer ao dispor da cidadanía este espazo na contorna fluvial e resaltou a liña de colaboración entre ambas as administracións para lograr este obxectivo.

“Este é o primeiro paso para darlle unha nova vida a ese patrimonio etnográfico tan importante para os lucenses na ribeira do río. Con este sinatura remarcamos a intencionalidade de colaborar de ambas administracións coa idea clara de acabar sustanciando un convenio para que o Concello de Lugo poida desenvolver aquí os seus proxectos e achegar a cidadanía ao río Miño”, concluíu Quiroga.