O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo recolle os seus 20 anos de traxectoria nunha mostra

LugoXa

O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo inaugura unha exposición que recolle os seus 20 anos de traxectoria.

mostra_conservatorio_de_lugo
mostra_conservatorio_de_lugo
3 may 2024

O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo inaugura unha exposición que recolle os seus 20 anos de traxectoria. A mostra que representa dúas décadas de dedicación e paixón pola danza, así como un compromiso continuo coa arte e a cultura na nosa comunidade, reúne imaxes e vídeos que percorren o labor diario, as clases ou as actividades realizadas polo Conservatorio nestas dúas décadas; permanecerá exposta na Capela de Santa María ata o día 26 de xuño.

A inauguración, na que tamén actuaron os alumnos do último curso de Danza Contemporánea, pon o broche de ouro aos actos organizados esta semana con motivo do Día Internacional da Danza, que se conmemora o 29 de abril. Porén, a celebración do vixésimo aniversario aínda continúa e o Conservatorio prepara xa a gran gala do 28 de xuño, na que invitan a participar a antigos alumnos que están traballando como profesionais, mesmo algúns deles no estranxeiro.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Artesanía Efrén Castro inaugurou a mostra e destacou a importancia de abrir “un espazo como a Capela de Santa Maríaás entidades da provincia e coñecer así o traballo que realiza a cultura e a sociedade na provincia e na cidade de Lugo". Neste senso, subliñou a importancia de "comunicar, socializar a importancia de ter en Lugo un centro como este,  que canaliza e atrae talento á cidade. E en xeral, para reivindicar as formacións asrtísticas”.

Argumento ao que se sumou a concelleira responsable da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xa que os conservatorios “son espazos fundamentais para nutrir o talento e fomentar a creatividade e desenvolvemento das e dos profesionais da danza, nunha das expresións artísticas máis fermosas á vista”. Pola súa parte, o delegado territorial, Javier Arias, subliñou no acto que se trata do único centro público dependente da Xunta destas características, o que unido á súa contrastada calidade, converteuno en referente dentro e fóra de Galicia, sumando actualmente arredor de 250 alumnas e alumnos.

Dende o 2003

Un centro que comezaba a súa andaina en outubro de 2003 ofrecendo o grao elemental, ao que se foron engadindo o grao medio na especialidade de Danza Clásica e posteriormente o grao profesional en Danza Contemporánea. Arias gabou o labor educativo e de dinamizador cultural que exerce na provincia, e lembrou que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional traballa no Plan Educ-Arte para reforzar o papel dos centros de ensinanzas artísticas como polo tractor da canteira cultural galega.

O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo ten aberto ata o 24 de maio o período de inscrición para as probas de acceso. Oferta 34 prazas no primeiro curso de Grao Elemental -para nenos e nenas a partir de 8 anos- e 30 no primeiro de Grao Profesional, estas distribuídas a partes iguais entre as dúas especialidades de Danza Clásica e Danza Contemporánea.

Igualmente, está aberto o prazo para inscribirse no curso preparatorio, ata esgotar o límite de 40 prazas. Consiste nun curso gratuíto para maiores de 7 anos, que non require proba de acceso e propón o achegamento a esta disciplina de forma lúdica con clases un día á semana.