Obradoiros infantís, sorteos e un desfile de moda sostible: Lugo conmemora o Día de Europa

LugoXa

O Concello de Lugo celebra este xoves, na praza Maior, o Día de Europa, unha efeméride que cada 9 de maio conmemora o aniversario da histórica Declaración de Shuman, asinada en 1950.

6 may 2024

O Concello de Lugo celebra este xoves, na praza Maior, o Día de Europa, unha efeméride que cada 9 de maio conmemora o aniversario da histórica Declaración de Shuman, asinada en 1950. Farao cunha variada programación de actividades para todos os públicos organizadas polo centro de información europea da entidade local, Europe Direct Lugo, como obradoiros infantís, sorteos de agasallos ou un desfile de moda sostible, en horario de 17.00 a 20.00 horas.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, convidou á cidadanía a participar nas mesmas e festexar o Día de Europa, que brinda “a oportunidade perfecta para reflexionar sobre os valores fundamentais que compartimos como europeos e para celebrar a nosa diversidade única” e para “reflexionar sobre o futuro que desexamos construír xuntos”.

Así, ao celebrar o Día de Europa, reafírmase “o noso compromiso coa democracia, a liberdade e os dereitos humanos, e renovamos o noso compromiso de traballar en harmonía cara a un futuro próspero e sostible para todos”. Durante o evento, Paula Alvarellos lerá un manifesto, en nome do Concello, logo do cal se escoitará o himno europeo (Novena Sinfonía de Beethoven) e tamén se procederá ao izado da bandeira, como símbolo de achegamento e irmandamento de todos os pobos da Unión Europea. O acto institucional terá lugar diante da Casa Consistorial.

Música, mesas informativas e moda

Ao longo da tarde, celebraranse un amplo abano de actividades nas que se incluirán sesións de música en directo, obradoiros para os nenos e nenas, así como mesas informativas, instaladas na propia praza, e un sorteo de agasallos. Tamén terá lugar un desfile de moda circular no que participarán deseñadoras locais como Karol Farias; Inpe; René Velasco; Tina Cortón; Miluna; Montse Arias; ou Sara Lage.

Esta xornada desenvólvese a través da oficina municipal de Europa Direct. Lugo é o único concello de Galicia que acadou ser sede deste centro, onde se informa e involucra á cidadanía nos asuntos europeos.

A xornada inaugúrase ás 17.00 horas, onde o DJ Hugo Leivas ofrecerá unha sesión musical, haberá obradoiros de tatuaxes temporais, unha mesa informativa Día de Europa e sorteos. O acto institucional terá lugar ás 18.00 horas e a e cuarto organizarase a entrega de premios do concurso de fotografía 'Cidadanía Europea en Galicia'. Logo continúan os obradoiros, mesas informativas, sorteos e  un  desfile de moda circular dende as 19.15 horas.