EnRedando co galego promove o uso da lingua en 5 institutos de Lugo

LugoXa

Comeza a edición 2024 do EnRedando co Galego, iniciativa organizada pola Área de Cultura e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en varios institutos de Lugo.

enredando_co_galego
enredando_co_galego
6 may 2024

Comeza a edición 2024 do EnRedando co Galego, iniciativa organizada pola Área de Cultura e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en varios institutos de Lugo. Rubén Arroxo afirmou na presentación da cita no IES Lucus Augusti que buscan repetir o éxito dos anos pasados e promover o uso do galego entre a mocidade, “facilitando que as rapazas e rapaces participantes utilicen o galego para crear contido literario e artístico".

Nesta edición, a iniciativa EnRedando co galego chega xa a 5 institutos de Lugo. “Desde o Concello de Lugo buscamos colaborar en reverter a situación do galego no ensino e garantir o coñecemento da nosa lingua entre a mocidade". Para o tenente alcalde, a actividade é un punto de encontro para que o estudantado de Lugo poida intercambiar opinións, establecer novos lazos e coñecer a persoas coas súas mesmas inquedanzas, ao mesmo tempo que acadan unha mellor competencia en galego e fan chegar a nosa lingua a lugares nos que moitas rapazas e rapaces non contaron con ela.

Coa proposta búscase achegar ás participantes a conceptos sociolingüísticos de imprescindible coñecemento para comprender de xeito correcto a realidade actual da Galiza e o papel que xoga a lingua na mesma. Durante os vindeiros 21 días, o estudantado dos centros poderá participar en dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que deberán crear obras literarias en galego en formato escrito e dixital, e deberán enviala á Escola de Escritoras e Escritores da AELG.

As rapazas e rapaces que participen no proxecto recibirán un premio, ademais, na gala final realizaranse sorteos de material tecnolóxico e lotes de libros en lingua galega. De entre todas as persoas participantes, escolleranse os mellores traballos e publicacións, tanto da modalidade en redes sociais como da experiencia de creación literaria e artística, que tamén serán premiados. As presentacións do proxecto nos distintos centros contan cos poetas Samuel Merino e Silvia Abril, e de cara ao final da iniciativa, a área de Cultura e a AELG organizarán unha actividade na que as e os participantes poderán realizar un intercambio de experiencias e desfrutar de varias actuacións en directo.