O PP de Lugo pide que o contrato de limpeza dos edificios municipais recolla as melloras salariais do sector

LugoXa

O PP advirte que un informe técnico municipal ve na oferta máis vantaxosa, coa mellor calidade prezo, proposta pola mesa de contratación da limpeza dos edificios do concello “incoherencias coa oferta técnica, o que faría inviable a execución do contrato nos termos que propón o licitador”.

7 may 2024

O PP advirte que un informe técnico municipal ve na oferta máis vantaxosa, coa mellor calidade prezo, proposta pola mesa de contratación da limpeza dos edificios do concello “incoherencias coa oferta técnica, o que faría inviable a execución do contrato nos termos que propón o licitador”.

A concelleira popular Mar Carballas explica que “o informe considera insuficiente a dotación económica que corresponde aos custos de persoal”. Outra cuestión sobre a que reflexionan os populares é que como os pregos son do ano 2023 “non teñen en conta os acordos aos que se chegou recentemente trala folga de limpeza para incrementar o salario aos máis dun cento de traballadores que prestan servizo nas dependencias municipais”.

Denuncian a falta de axilidade para adxudicar un contrato que leva “oito anos caducado” e dado que as condicións se fixaron hai un ano tampouco incorporan o acordo acadado no pleno, a instancias do PP, para que o persoal da limpeza do Concello teña un convenio propio. “Non só nos preocupa que non se incorporen as melloras salariais pactadas, senón que tamén queremos saber se o servizo cubrirá as novas dependencias, xa que o custe de limpalas non pode exceder (tal e como figura nos pregos de condicións) do 20 % do contrato total”.

Os populares preguntarán en comisión “se unha vez que se adxudique o contrato de limpeza nas dependencias e Centros de Educación de infantil e primaria se van actualizar os pregos de condicións e proceder ao reequilibrio económico para reflectir os aumentos salariais e cubrir as novas dependencias”. Piden, deste xeito, que, unha vez se adxudique este servizo “se actualicen as condicións e que se proceda ao reequilibrio económico para reflexar os aumentos salariais pactados coa patroal para o persoal da limpeza, e que se comece coas negociación para adaptalo a iniciativa que levamos ao pleno”.