O PP vendeu 60.000 m2 de solo público urbanizable a un particular no parque de Paradai, según a Deputación

LugoXa

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou duns feitos “graves, vinculados coa xestión do Partido Popular á fronte desta institución, dos que tivemos coñecemento fai moi pouco tempo, e que a cidadanía, todos os veciños e veciñas da provincia de Lugo, deben saber, por transparencia e por hixiene democrática”.

7 may 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou duns feitos “graves, vinculados coa xestión do Partido Popular á fronte desta institución, dos que tivemos coñecemento fai moi pouco tempo, e que a cidadanía, todos os veciños e veciñas da provincia de Lugo, deben saber, por transparencia e por hixiene democrática”.

José Tomé explicou que, tres días antes do cambio de Goberno na Deputación de Lugo, o día 11 de xullo de 2007, baixo a Presidencia de Francisco Cacharro, a institución vendeu a un particular un total de 66 parcelas de solo público de titularidade da Deputación na contorna do parque de Paradai, na cidade de Lugo. “Algunhas delas, ata co mobiliario urbano incluído, como bancos e sinais, e tamén cos sendeiros”.

Nun momento de interinidade, estando en funcións, tan só uns días antes do cambio de Goberno, “a Deputación vendeu un total de 59.382,43 metros cadrados de terreo, cualificado como solo urbanizable, por un importe de 3.031.041,63 euros”. Así figura na escritura de compra- venda asinada ante notario, con data de 11 de xullo de 2007, e rexistrada no Rexistro da Propiedade o día 13 dese mesmo mes, explica o presidente.

Unha operación urbanística, recalcou o mandatario provincial, “que se fixo nun momento político de transición, o 11 de xullo de 2007, cando se celebraran xa as eleccións municipais dese ano, e tan só tres días antes de que tomara posesión José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Deputación”. A venda dos terreos escriturouse o día 11 de xullo de 2007, rexistrouse o día 13, e Besteiro tomou posesión o día 14 de xullo de 2007, lembra. O presidente recorda que  que estando en funcións, legalmente os gobernos só poden acometer actuacións de trámite, e non este tipo de operación de compra venda.

Continuou o labor de mantemento

O mantemento destes terreos, estaba encargado a SUPLUSA e os responsables desta Sociedade Urbanística Provincial “seguiron facendo os traballos de conservación e de adecentamento, posiblemente porque se o deixaban de facer se descubriría o ocorrido”. José Tomé explicou o día 21 de marzo de 2023, a sección de Inventario da Deputación solicitou a Catastro o cambio dos datos de titularidade das parcelas, que ata entón figuraban catastralmente como propiedade de SUPLUSA na sede electrónica de Catastro.

O día 28 de abril de 2023, a Xerencia Territorial de Catastro realiza o cambio de titularidade con efectos de 11 xullo de 2007. En abril de 2024, o servizo provincial de Medio Ambiente proxecta a mellora de equipamentos do Parque de Paradai. Vendo que parte das propiedades son de titularidade privada e tendo constancia dos anteriores puntos, procedeu a indicar ao medio propio da Deputación que se encarga do mantemento das zonas verdes, Tragsa, a nova delimitación de zona verde deste espazo.

Limitou o mantemento ás zonas de servidume do río Rato (5 metros a cada marxe do mesmo) e ás parcelas de titularidade pública, deixando de realizarse nas de titularidade privada, sendo os responsables do mantemento do bo estado das mesmas os seus propietarios, de acordo co artigo 135.3 da Lei do solo. Desta forma, en canto os técnicos provinciais tiveron coñecemento desta situación e lla trasladaron ao presidente, algo que ocorreu hai en torno a un mes, José Tomé deu a orde de que a Deputación “deixe de facer o mantemento, porque non son terreos públicos, senón propiedade de particulares”.

José Tomé destacou que a Deputación seguirá facendo o mantemento das zonas verdes públicas do Parque de Paradai, a través do seu medio propio, Tragsa, e non só iso, pois a institución vén de adxudicar obras de mellora da sinalización e do equipamento deste espazo por un orzamento de practicamente 50.000 euros. De feito, foi precisamente no momento no que os técnicos de Medio Ambiente iniciaron o procedemento contractual para acometer estas melloras cando descubriron o cambio de titularidade.

O PP, preocupado polo Garañón 3 

Pola súa parte, o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirmou que José Tomé ten que estar “desesperado” para ter que retrotraerse 18 anos e falar de persoas xa falecidas para tentar defenderse “do que nos vén encima aos lucenses e para atacar aos seus compañeiros de partido”. Antonio Ameijide, acompañado de deputados do Grupo Provincial Popular, defendeu que “a Deputación non está para atender ás frustracións do seu presidente e menos para ser arma e escudo nas súas guerras partidistas”.

Os populares temen que esta polémica sexa para “tentar tapar o Garañón 3 que se cerne sobre Lugo a raíz das cacicadas urbanísticas de Besteiro e do PSOE e do BNG no Concello de Lugo que, moito nos tememos, volverán pasar factura a partir dos próximos meses”. Antonio Ameijide explica que os diferentes gobernos socialistas que rexeron a Deputación de Lugo nos últimos anos herdaron unha venda en condicións de total transparencia, pola que a Deputación debería ingresar 3.666.173,84 euros e que, tras 18 anos non só non se ingresou este diñeiro senón que “probablemente haberá que devolver os cartos ao promotor máis intereses de demora e veremos se tamén o lucro cesante”.