O Pazo de San Marcos acolle xornadas sobre a nutrición, o deporte e o envellecemento activo

LugoXa

A Deputación de Lugo organiza este mes de maio no Pazo de San Marcos o Mes da Saúde, unha iniciativa orientada a promover o benestar social a través de tres xornadas dedicadas á nutrición, o envellecemento e os beneficios da actividade física, e que contarán con especialistas expertos nestas materias.

7 may 2024

A Deputación de Lugo organiza este mes de maio no Pazo de San Marcos o Mes da Saúde, unha iniciativa orientada a promover o benestar social a través de tres xornadas dedicadas á nutrición, o envellecemento e os beneficios da actividade física, e que contarán con especialistas expertos nestas materias.

As xornadas formativas e de lecer, que serán gratuítas e abertas ao público ata completar aforo, desenvolveranse no Salón de Actos do Pazo provincial e forman parte do programa Xunt@s que está a impulsar a institución polos concellos da provincia. A primeira charla, baixo o título Nutrición e hábitos saudables, terá lugar este xoves día 9 de maio, ás 19.00 horas. Neste caso, a xornada será impartida pola destacada dietista e nutricionista Sara López Mateo, quen abordará a importancia de levar unha alimentación saudable e hábitos de vida equilibrados.

A seguinte conferencia, celebrarase o próximo día 23 de maio, ás 19:00 horas, e versará sobre o envellecemento activo. A psicoloxía e especialista en neurosicoloxía e xerontoloxía Marta Ramos Goicoa achegará aos participantes estratexias e prácticas para manter un estilo de vida activo e saudable. Por último, o día 30 de maio, os asistentes terán a oportunidade de explorar da man do doutor Rosendo Bugarín González os diversos beneficios que aporta a actividade física para a saúde física e mental.

O programa Xunt@s da Deputación, dotado cun total de 91.000€, está a ter moi boa acollida. Un milleiro de veciños e veciñas xa participaron nestas charlas organizadas pola institución da man dos concellos. Está a desenvolver unha serie de 125 xornadas temáticas gratuítas, que se celebrarán ata xuño por toda a provincia, e que teñen que ver coa saúde, co deporte ou coas novas tecnoloxías.