A concellería de Infraestruturas mellorará o firme en 200 puntos de Lugo

LugoXa

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que veñen de comezar os traballos de bacheo en distintas zonas da cidade.

firme_lugo_centro
firme_lugo_centro
9 may 2024

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que veñen de comezar os traballos de bacheo en distintas zonas da cidade. Penas afirmou que "para realizar estes traballos é preciso unha previsión meteorolóxica favorable durante varios días para permitir que o novo asfalto asente e a intervención sexa duradeira". En total, a concellería de Infraestruturas ten rexistrados preto de 200 puntos onde realizar intervencións, e entre as xornadas de onte e hoxe actuouse xa en máis de 20 puntos.

Os traballos de reparación no tecido urbano realízanse tanto pola Brigada Municipal de Vías e Obras como por parte dunha empresa de mantemento de vías públicas contratada polo Concello. Penas explicou que "a Brigada é capaz de responder nun tempo moi baixo a pequenos arranxos como baldosas soltas ou bolardos en mal estado, mentres que a empresa de mantemento permite atender a reparacións de maior tamaño".

O concelleiro de Infraestruturas lembrou a importancia de que a veciñanza faga chegar as súas necesidades ás distintas áreas do goberno municipal. "As veciñas e veciños de cada zona saben de primeira man as necesidades da súa zona", explicou Alexandre Penas, que engadiu "moitas veces trátanse de pequenos arranxos, que a brigada municipal de obras trata de resolver no menor tempo posíbel para garantir o bo estado da cidade".