Gonzalo Fernández Rodríguez, reelixido decano da Facultade de Veterinaria

LugoXa

O profesor da área de Sanidade Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Gonzalo Fernández Rodríguez, acaba de ser reelixido decano da Facultade de Veterinaria.

Gonzalo_decano_Veterinaria
Gonzalo_decano_Veterinaria
10 may 2024

O profesor da área de Sanidade Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Gonzalo Fernández Rodríguez, acaba de ser reelixido decano da Facultade de Veterinaria. Fernández Rodríguez obtivo 65 votos a favor e seis en branco. Os obxectivos que se presentan nesta nova etapa baséanse en facer realidade a planificación realizada polo centro no marco do Plan Estratéxico 2024-2026 e na proposta de Grao de Excelencia.

Neste senso, “as liñas estratéxicas refírense á planificación da ensinanza e desenvolvemento da docencia centrada no alumnado e no futuro da profesión, a xestión eficiente de recursos, a innovación docente, transformación dixital e internacionalización e a comunicación, transparencia e transferencia”, explicou o profesor Fernández Rodríguez.

Todo iso para que a facultade cumpra a súa misión de mellora da saúde e o benestar dos animais e da saúde pública a través da excelencia na educación, a investigación, a práctica profesional e o servizo comprometido coa sociedade e “siga sendo un referente no ámbito nacional e internacional”, subliñou o decano. Gonzalo Fernández Rodríguez xa fora elixido en 2020 para dirixir a Facultade de Veterinaria. O profesor pertence ao grupo de investigación INVESAGA onde a súa tarefa céntrase nas enfermidades infecciosas dos animais.