Lugo celebra o Día de Europa con obradoiros infantís, sorteos e un desfile de moda circular

LugoXa

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou nos actos con motivo do Día de Europa, organizados polo centro municipal Europe Direct Lugo, para conmemorar o aniversario da histórica Declaración de Shuman, asinada en 1950.

dia de europa lugo
dia de europa lugo
10 may 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou nos actos con motivo do Día de Europa, organizados polo centro municipal Europe Direct Lugo, para conmemorar o aniversario da histórica Declaración de Shuman, asinada en 1950. Durante o evento, a rexedora pronunciou un manifesto no que reafirmou o compromiso do Concello para contribuír a construír “unha Europa máis unida, diversa e próspera para as xeracións futuras”.

Neste senso, Alvarellos subliñou que “o progreso europeo baséase no poder transformador da colaboración e a solidariedade. Xuntos, superamos desafíos que noutro tempo parecían insuperables: desde a reconstrución social ata a creación dun mercado único que xerou oportunidades e prosperidade para todos”.

Actualmente, a Unión Europea está a implementar estratexias para evolucionar cara a unha economía máis verde e sostible, capaz de xerar crecemento mentres reduce as emisións de carbono e preserva os recursos naturais para as xeracións futuras. “O investimento en tecnoloxías limpas e a transición cara a fontes de enerxía renovables son exemplos claros de como a UE tenta aliñar a súa economía cos principios de sustentabilidade”, apuntou.

A rexedora destacou que “neste Día de Europa, renovamos o noso compromiso cos valores que nos unen: a democracia, o estado de dereito e os dereitos humanos. Comprometémonos a defendelos con firmeza, mesmo cando enfrontamos ventos contrarios, e a traballar xuntos para construír unha Europa onde cada persoa teña a oportunidade de alcanzar o seu máximo potencial, sen importar a súa orixe ou circunstancias”.

Trala lectura do manifesto tivo lugar o izado da bandeira comunitaria ao son do himno europeo (Novena Sinfonía de Beethoven), como símbolo de achegamento e irmandamento de todos os pobos da Unión Europea. No acto institucional, que tivo lugar diante da Casa Consistorial, tamén participaron concelleiros e concelleiras da corporación municipal.

Seguidamente tivo lugar a entrega de premios do Certame de Fotografía Cidadanía Europea en Galicia posto en marcha polos centros Europe Direct Lugo e Europe Direct A Coruña, que este ano cumpriu a súa décimo primeira edición baixo o título “Miradas cara ao futuro de Europa”. Os gañadores foron Silvio Godoy (1º premio) coa fotografía “Europa no meu camiño”, que recibiu unha cámara fotográfica; e Juan Carlos Villarino (2º premio) coa fotografía “Deseñando Europa”, que recibiu unha táblet. A xornada incluíu obradoiros para os nenos e nenas, mesas informativas sobre os proxectos europeos na cidade de Lugo, un sorteo de agasallos e un desfile de moda circular no que participaron deseñadoras locais como Karol Farias; Inpe; René Velasco; Tina Cortón; Miluna; Montse Arias; ou Sara Lage.