A Oficina Móbil do programa Acelera PEME, que se instalou na Praza da Compañía de Monforte, foi visitada polo alcalde

RibeiraSacraXa

José Tomé Roca visitou a Oficina Móbil correspondente ao programa Acelera PEME de dito organismo provincial, que se instalou na Praza da Compañía, diante das Casitas.

foto visita Alcalde Monforte Acelera Peme
foto visita Alcalde Monforte Acelera Peme
6 may 2024

José Tomé Roca visitou a Oficina Móbil correspondente ao programa Acelera PEME de dito organismo provincial, que se instalou na Praza da Compañía, diante das Casitas.

Na súa visita, puido comprobar de primeira man o traballo dos técnicos encargados de asesorar a autónomos ou propietarios dunha PEME que precisen impulsar a dixitalización do seu negocio.

Nesta Oficina Móbil Acelera PEME proporcionaráselles asesoramento dos dinamizadores dixitais, podendo programar as citas presenciais ou telemáticas que precisen para unha consulta individualizada.

Esta é unha iniciativa posta en marcha dende a Deputación de Lugo o pasado 13 de setembro para reforzar o asesoramento gratuíto en materia de transformación dixital que vén ofrecendo a institución provincial a empresas e autónomos da provincia a través deste proxecto, que impulsa en colaboración co Goberno do Estado.

Este vehículo aliméntase de placas solares para a subministración da enerxía necesaria para o funcionamento dos equipos informáticos e da iluminación. Así mesmo, cóntase cun sistema de reciclado da auga de lavado, o que contribúe á reciclaxe do 100% da auga que usa e á redución ata nun 94 % da presenza de hidrocarburos.

“Esta modalidade de asesoramento que visitamos permitiranos chegar mellor ao noso rural e apoiar máis de preto aos proxectos empresariais cunha atención personalizada”, subliñou o mandatario municipal e provincial.

Coa oficina móbil, a Deputación reforza a actividade que xa se vén desenvolvendo no marco deste proxecto co traballo de 7 axentes dixitais que se moven polas diferentes comarcas e coas oficinas abertas nos concellos de Viveiro, Lugo, A Fonsagrada, Láncara, Monforte e Vilalba.

Neses encontros coas empresas estudan a situación da que parte cada unha delas e buscan ferramentas que encaixen coa súa actividade para beneficiar o seu volume de negocio. Por exemplo, axúdanlles a crear redes sociais e impulsalas para que teñan máis seguidores, tamén á posta en marcha de Whatsapp Business para que interactúen coa súa clientela ou implantan solucións dixitais específicas do seu sector que son moi útiles para os negocios.