As xornadas do CESUGA 'O Encontro do Sober poñen en valor as sinerxias industria-rural

RibeiraSacraXa

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inaugurou 'O Encontro de Sober', unhas xornadas organizadas por CESUGA para promover o desenvolvemento do medio rural mediante o diálogo entre industria, agro, universidade e sector público.

Foro CESUGA Sober
Foro CESUGA Sober
10 may 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inaugurou 'O Encontro de Sober', unhas xornadas organizadas por CESUGA para promover o desenvolvemento do medio rural mediante o diálogo entre industria, agro, universidade e sector público.

Presentou esta iniciativa acompañada do deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; a conselleira de Medio rural, Mª José Gómez; a edil de Sober, Raquel Arias; o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, Eduardo Valín; e o presidente do Consello Reitor de CESUGA, Venancio Salcines.

Isabel Rodríguez agradeceu ao Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia e a todas as entidades colaboradoras “a creación destas xornadas para falar das sinerxias industria-rural, pero tamén para falar de nós, da Galicia do interior, emprendedora, traballadora e con infinitas posibilidades”. Defendeu a necesidade de “sumar esforzos para materializar o potencial do rural en proxectos chave que dinamicen o territorio a nivel económico e social”, destacando o potencial da comarca e da provincia “en todos os sectores, desde o forestal ata o lácteo, desde o cárnico ata o vitivinícola”.

Ante un público de máis de 400 persoas, a subdelegada do Goberno en Lugo amosouse “completamente segura de que todas as persoas que estamos hoxe aquí compartimos un convencemento: o rural ten futuro, ten futuro se todas e todos traballamos arreo e en conxunto por el”. Subliñou que este espazo de diálogo “brinda a oportunidade de escoitar experiencias e aportacións de distintos sectores desde unha perspectiva académica, empresarial, sindical ou da xestión pública”.

Na súa alocución, tamén mencionou a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO, “o impulso definitivo á diversificación e desestacionalización do turismo na comarca”.

Finalizou a súa intervención sinalando a importancia de “avanzar no desenvolvemento económico da Galicia do interior, para traballar pola cohesión territorial, poñendo freo ao despoboamento e apostando por unha transición verde e dixital”.

Pola súa parte, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, defendeu a importancia de manter no rural servizos públicos como colexios e centros de saúde para asentar poboación no rural. “Afrontamos desafíos que requiren unha visión política comprometida para impulsar un desenvolvemento sostible do noso territorio, o noso rural está cheo de oportunidades e temos que apostar por iso dende as administracións públicas”, aseverou.

“Dende a Deputación reivindicamos a potencialidade do rural como fonte de produtos de calidade e como soporte dunha oferta turística sostible ligada ao coidado do medio ambiente, como parte indisoluble do patrimonio cultural, do Camiño de Santiago ou como plató de cine e de series de sona. Pero un rural vivo os 365 días do ano require servizos públicos de calidade os 365 días do ano, e ese é un compromiso que as administracións non podemos esquecer”, afirmou o Deputado, quen tamén puxo o foco na importancia das vías de comunicación, a conexión a internet ou a creación de emprego.

Declaracións dos representantes da Xunta

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participaron no Encontro e a titular de Medio Rural salientou os retos de futuro deste eido produtivo estratéxico en particular e do agro galego en xeral.

Así, referiuse á necesidade de seguir impulsando a remuda xeracional e fomentando o traballo da industria agroalimentaria, como o vén facendo a Xunta a través de iniciativas como as axudas para a realización de investimentos produtivos nas explotacións e para a incorporación de mozos.

En relación con estas últimas, a conselleira lembrou que case 5.000 mozos recibiron apoio da Xunta para acompañalos no seu proxecto empresarial. Moitos deles, incidiu, no sector leiteiro.

Ademais, fixo fincapé na importancia da formación e capacitación da xente máis nova que se incorpora nas explotacións, algo ao que o Goberno galego tamén presta especial atención.

Canto ao reto de potenciar a transformación e a comercialización dos produtos agrícolas, María José Gómez puxo en valor as axudas da Consellería, que permitiron apoiar máis de 550 proxectos desde 2016, e que teñen continuidade este ano cunha nova achega de 30 millóns de euros.

Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, apelou á colaboración público-privada e ao proceso de escoita activa cos axentes sociais como imprescindibles para acadar un mercado laboral aberto, accesible e sen fronteiras, consolidando datos como os que reflicten que o sector primario foi no que máis caeu o paro no mes de abril en comparación co mes anterior.

Así mesmo, referiuse á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta xa con 13 centros activos con especial incidencia no rural e que ten atendido arredor de 1.800 iniciativas empresariais nos case dous anos que leva activa.

Por sectores, segundo dixo, predominan os servizos, seguidos da hostalaría e das actividades de comercio. No marco desta Rede, vénse de habilitar unha web -salientou- con microguías de emprendemento para orientar sobre tipos de negocio para poñer en marcha, incluída a transmisión de empresas que vaian pechar para garantir a súa continuidade.

Para que a dinamización do rural sexa posible, o conselleiro apelou tamén á importancia do tecido comercial, que a Xunta apoia de xeito decidido con accións como a 5ª campaña Bono Activa Comercio que vén de rematar. Unha campaña que permitiu ao sector mobilizar 12 millóns en vendas en toda Galicia e que se reeditará en outono, ao tempo que se traballa noutras medidas de impulso.

González tamén falou da importancia de captar talento entre os galegos residentes no exterior e os estranxeiros interesados en establecerse na nosa Comunidade.