O CPI Ramón Piñeiro de Láncara conmemorou o seu 50 aniversario cunha placa conmemorativa

SarriaXa

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou nos actos conmemorativos do 50º aniversario do CPI Ramón Piñeiro, ao que se referiu como a “canteira de talento de toda Láncara grazas aos moitos anos de traballo e dedicación tanto do alumnado como do equipo docente”.

Xunta no CPI Ramón Piñeiro Láncara
Xunta no CPI Ramón Piñeiro Láncara
1 may 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou nos actos conmemorativos do 50º aniversario do CPI Ramón Piñeiro, ao que se referiu como a “canteira de talento de toda Láncara grazas aos moitos anos de traballo e dedicación tanto do alumnado como do equipo docente”.

O representante da Xunta, encargado de descubrir a placa conmemorativa dos 50 anos de vida do centro, considera que chegar ás cinco décadas de vida é un “reflexo de madurez, consolidación, experiencia e oportunidade de seguir aprendendo“.

Neste senso, lembrou o compromiso do Goberno galego para garantir unha educación de calidade nas zonas rurais e ampliar o impacto destes centros que transcende do meramente educativo “e entra de cheo na memoria persoal, pois é un punto de encontro que se vai herdando de xeración en xeración”.

O titular de Educación fixo unha mención especial a Xurxo Rodríguez, docente veterano do centro que se xubila este ano e que foi, ademais, profesor do propio conselleiro: “Se eu cheguei a ser o que son hoxe en día foi precisamente pola formación que recibín e polo moito que aprendín na miña etapa de estudante”, dixo, recordando a Xurxo Rodríguez como un “mestre cos que ampliei a miña visión do mundo”.

“De seguro que, nestes 50 anos, son milleiros os ex-alumnos do Ramón Piñeiro que botan a vista atrás e agradecen o traballo dese docente que os acompañou e inspirou, como eu lle agradezo a Xurxo”, asegurou Román Rodríguez, que aplaudiu o esforzo de toda a comunidade educativa por “saber transformarse e enfrontarse aos desafíos con cada nova xeración de alumnos”.

Durante a súa visita, Román Rodríguez tamén visitou as instalacións do centro, que conta con máis de 200 estudantes e que é "unha referencia e un exemplo da igualdade de oportunidades para o alumnado do rural pola súa participación en programas de innovación, vida activa, deporte e linguas como o Edixgal, o club de ciencia ou a sección bilingüe".

Así mesmo, firmou o libro de honra e coñeceu máis da traxectoria do centro a través dunha exposición fotográfica que recompila os grandes momentos que viviron as distintas xeracións de Láncara neste colexio público integrado.