Sarria acolle unha diversa programación cultural durante este mes de maio

SarriaXa

O Concello de Sarria presentou a súa programación para o mes de maio, que comezou este sábado coa celebración do II Rally Regularidad do Club Clásicos, a Pretorian Race e a Feira de Antigüidades.

5 may 2024

O Concello de Sarria presentou a súa programación para o mes de maio, que comezou este sábado coa celebración do II Rally Regularidad do Club Clásicos, a Pretorian Race e a Feira de Antigüidades.

Hoxe, ademais, seguirá a Feira con exposicións para as persoas interesadas e tamén, as 20.00 horas, terá lugar o espectáculo de teatro afeccionado ‘Que familia!’ de Atrezo Teatro.

Xa os vindeiros 11 e 12 de maio desenvolverase a Feira de San Isidro con actividades lúdicas, deportivas e culturais e o 12 terá lugar na Sociedade La Unión o Ciclo de Música ‘As disonancias con Ars Combinatoria’.

Xa o xoves 16 a Casa da Cultura acollerá a Audición de vento madeira e acordeón de música galega ás 19.00 horas e ás 20.00 horas presentaranse os libros Salífero Tránsito e Gacela no Garaxe.

Pola súa parte, o venres 17 celebrarase un Festival das Letras Galegas ás 19.30 horas e comezará a audioguía ‘Desfeita’. Esa fin de semana, ademais, comezarán os Encontros Máximos no rural, sendo as parroquias de San Pedro de Froián, Louseiro e Vilamaior as protagonistas o sábado; e as de Corvelle, Vilapedre e Oural as do domingo. Este mesmo día, ás 20.00 horas proxectarase a película ‘Caras e lugares’.

Para rematar, os días 24, 25 e 26 tamén haberá actividades. O venres terá lugar o concerto de piano co Conservatorio Profesional Cantiga, o sábado proxectarase o filme ‘Mario Bros: a película’ e o domingo representarase a obra ‘A viaxe do Señor López’.