O Lago das Pontes logra por cuarto ano a Bandeira Azul

TerraChaXa

A praia do lago das Pontes logra, por cuarto ano consecutivo a Bandeira Azul, un distintivo que concede cada ano a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) e que recoñece, novamente, a calidade ambiental do areal pontés.

7 may 2024

A praia do lago das Pontes logra, por cuarto ano consecutivo a Bandeira Azul, un distintivo que concede cada ano a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) e que recoñece, novamente, a calidade ambiental do areal pontés.

Elena López, concelleira de Turismo, amosa o orgullo que para o Concello das Pontes supón revalidar esta distinción “que nos sitúa, unha vez máis, no mapa internacional do turismo, converténdonos nunha das 19 praias de augas continentais en toda España que este ano reciben o galardón e sendo unha das dúas únicas coas que conta Galicia”.

“A bandeira azul ten unha enorme repercusión mediática e promocional e ten un impacto directo sobre o turismo. Durante os últimos tres anos puidemos constatar como cada vez son máis as persoas que se achegan ata o lago atraídos polos valores asociados a este galardón, persoas que buscan a calidade das augas, o coidado polo medioambiente a seguridade e os servizos” engadiu Elena López

A concelleira tamén resalta todo traballo desenvolvido durante os últimos anos, en ámbitos como a accesibilidade, a educación ou a seguridade, para cumprir cos requisitos esixidos por ADEAC para manter este distintivo e que, en palabras de Elena López, “nos indica que estamos na senda correcta e nos animan a continuar traballando para facer do lago un espazo de encontro e lecer da veciñanza das Pontes, para potencialo, ao mesmo tempo, como recurso turístico, promocionando os valores ambientais do noso municipio e coa vista posta en novos proxectos”

Para revalidar a bandeira azul o Concello das Pontes tivo que enviar no mes de novembro unha memoria das activades levas a cabo durante o ano, tanto no ámbito ambiental como no educativo, no da accesibilidade e no da seguridade así como unha proposta de candidatura para o ano 2024, no que se incluían accións de mellora nas infraestruturas e nos servizos.