Mans Unidas recadou 3.235 euros no seu festival solidario

TerraChaXa

A Comarcal de Mans Unidas de Vilalba fixo unha valoración moi positiva por como se desenvolveu o seu Festival Solidario, o día 20 de abril, tanto polas "magníficas actuacións" das asociacións culturais Banda de Música de Vilalba e Mestura de Nete como polo "moitísimo que gozou o animado público".

mans unidas vilalba
mans unidas vilalba
1 may 2024

A Comarcal de Mans Unidas de Vilalba fixo unha valoración moi positiva por como se desenvolveu o seu Festival Solidario, o día 20 de abril, tanto polas "magníficas actuacións" das asociacións culturais Banda de Música de Vilalba e Mestura de Nete como polo "moitísimo que gozou o animado público". Agradeceron a colaboración de todas as persoas que puideron asistir como a das que, por diferentes motivos, non o puideron facer, entre elas fíxose unha mención especial a dous sacerdotes que sempre colaboraron e asistiron mentres viviron en Vilalba: Uxío García Amor, porque agora reside en Mondoñedo, e Antonio Domínguez Martínez, debido a que faleceu en decembro do ano pasado.

A recadación total foi de 3 235 euros, dos cales 2 420 corresponde á venda de 484 entradas e o resto son donativos. Este diñeiro recadado irá destinado a proxectos de Mans Unidas, por exemplo o de Atención materno infantil e apoio a mulleres vítimas da violencia, en Mauritania, co que, nestes momentos, está a sensibilizar a Delegación de Mans Unidas de Mondoñedo-Ferrol.

Despois dunha brevísima presentación do festival por parte de María Xosé Lamas, fíxoselle unha pequena homenaxe a Sara Jato Álvarez por ser a fundadora, por parte de Vilalba, da actual Comarcal de Mans Unidas. A presidenta, María de los Ángeles Losada, entregoulle un detalle institucional de parte da Delegación Diocesana de Mans Unidas Mondoñedo-Ferrol agradecendo a súa dedicación e labor como fundadora e a súa permanente colaboración.

O colectivo agradeceu de maneira especial ao Concello de Vilalba por colaborar todos os anos e á alcaldesa, Marta Rouco, "polas súas palabras e honrarnos coa súa presenza"; á Imprenta Junor que, "desinteresadamente, colabora todos os anos"; á Unidade Pastoral de Vilalba, "que nos apoiou en todo momento", Allentum, "empresa que xestiona o auditorio, polo seu bo facer"; ás asociacións culturais Banda de Música de Vilalba e Mestura de Nete, "pola súa marabillosa colaboración"; á persoa que vén presentando ano tras ano o festival, María Xosé Lamas; ás compañeiras de Ferrol que todos os anos acuden; ás membros e colaboradores da Comarcal de Vilalba e aos medios de comunicación, radio e prensa, "pola súa acollida e difusión das noticias relacionadas con Mans Unidas".