Balance da situación da covid-19 nas distintas comarcas da provincia de Lugo. Casos activos, contaxios e defuncións concello a concello.
O Comité Clínico que asesora á Xunta de Galicia decidiu elevar o nivel de restricións de Viveiro ao nivel alto debido ao gromo detectado que fixo aumentar de forma brusca o número de contaxios.
Do mesmo xeito, continuará en alerta media Cervo e súmase tamén Xove, ambos os dous vinculados ao gromo de Viveiro.
Ademais tamén incorpóranse ao estado de alerta media os concellos de Vilalba e Monforte, ambos os dous debido ao aumento súbito de casos.
Chantada, que estaba en alerta media, recupera o rango do resto de concellos fóra de restricións.
As novas restricións entran en vigor na medianoite do sábado.
Deste modo, o sistema de alertas, que está establecido en 4 niveis, mantense do seguinte xeito:
- Máxima. Para incidencia maior de 500 casos por 100.000 habitantes.
- Alta. Para incidencia de 250 a 500. Viveiro.
- Media. Para incidencia de 150 a 250. Cervo, Xove, Vilalba e Monforte.
- Baixa. Por debaixo de 150. O resto da provincia.
OS DATOS DE HOXE
Os casos activos na provincia comezan de novo a descender tralo susto dos últimos días debido a varios gromos.
Así, este mércores hai 219 casos activos de covid, 9 menos que onte, cando a xornada anterior a subida foi de un caso. Como contrapartida, a hospitalizacion empeora.
Diagnosticaron nas últimas 24 horas 9 casos novos (onte foron 13 e anteonte 17 polo que xa se ve a tendencia á baixa). As altas chegaron ás 11.354, 20 en 24 horas, mentres que o día anterior foron 12.
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 12.792 casos rexistrados e 214 persoas falecidas.
Nos hospitais, na UCI queda cun paciente pero soben os ingresos en planta, que son 11 (1 máis), 3 están no Hula (1 menos), 3 en Burela (1 máis) e 3 en Monforte (1 máis).
POR COMARCAS
A Mariña mellora cifras malia empeorar as restricións da Xunta. Os concellos de Navia de Suarna e O Incio elevan moito a incidencia aínda que non haberá restricións para eles.
A Mariña
- Os casos en Viveiro seguen subindo, ata 35, 1 máis que onte. Comeza a remitir deste xeito o gromo.
- Elevada incidencia para Xove e Cervo polos casos vinculados co gromo de Viveiro, menos de dez en cada un.
- Incidencia leve en Burela, Foz, Ribadeo e Lourenzá.
- Mondoñedo e Alfoz volven ter casos.
- Sen casos novos máis de 15 días están Ourol, O Valadouro, A Pontenova, Riotorto, O Vicedo, Barreiros e Trabada.
Terra Chá
- Vilalba sobe a 23 casos (1 máis).
- Pol e Guitiriz, por debaixo de dez, teñen casos pero con incidencia leve.
- Xermade está sen casos en 7 días.
- Sen positivos dende hai máis de quince días están: Abadín, Muras, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Friol, Meira, Cospeito e A Pastoriza. Únese As Pontes.
Centro da provincia
- Os casos en Lugo retroceden de novo ata 64 (2 menos).
- Volven os positivos a Monterroso pero con incidencia leve.
- Navia de Suarna continúa cunha incidencia alta de casos, pero por debaixo de 10.
- Limpos de covid nos últimos quince días están: Negueira de Muñiz, Portomarín, Baleira, Guntín, Antas de Ulla, Castroverde, Pedrafita, As Nogais, Baralla, Ribeira de Piquín, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Palas e O Corgo.
Comarca de Sarria
- Sarria ten casos pero con baixa incidencia.
- O Incio tamén ten casos por debaixo de dez pero con incidencia alta.
- Láncara leva unha semana sen casos.
- Triacastela, Samos, Paradela e O Páramo seguen limpos de covid dende fai dúas semanas polo menos.
Ribeira Sacra
- Monforte mantense en 22 casos.
- Pantón e A Pobra de Brollón teñen positivos pero con incidencia leve.
- Sober leva unha semana sen positivos. Únese Chantada.
- Sen casos en máis de quince días: Ribas de Sil, Bóveda, O Saviñao, Quiroga, Taboada e Folgoso. Únese Carballedo.