A Deputación proxectará a película Cuñados en doce concellos este verán
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove proxeccións na rúa da película Cuñados en doce concellos. Lourenzá, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Pantón, Láncara, Taboada, Cervantes, Carballedo, Palas de Rei, Castroverde, A Pastoriza e Muras acollerán as sesións de cine ao aire libre, organizadas coa colaboración de distintas asociacións.
“Desde a área de Cultura apostamos polo cine na rúa e polo audiovisual galego e en galego, como fixemos o ano pasado con Mariña Soliña, ao tempo que contribuímos a ampliar a oferta cultural dos concellos nos meses de verán”, expuxo a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, na presentación do ciclo, acompañada por Alfonso Pérez Montaña, director de negocio de Portocabo -produtora do filme – e de Xoán Mariño, de Cine na rúa, que se encargará da loxística das proxeccións.
Maite Ferreiro explicou que “con esta xira queremos contribuír a que o filme, que está triunfando nas salas comerciais, chegue aos lugares onde non dispoñen desa oferta cultural, para que tamén neles poidan desfrutar de vela en pantalla grande e de forma colectiva”.
O responsable de Cine na rúa, Xoan Mariño, destacou que “o filme poida verse en sesións de cine na rúa, en vilas e localidades pequenas, ao tempo que segue nos circuítos comerciais é algo inédito xa que, explicou, este tipo de iniciativas non adoitan levarse a cabo ata un ano despois da estrea das películas”. Pola súa banda, Alfonso Pérez Montaña, agradeceu “o apoio da Vicepresidencia á difusión do cine en galego” e convidou á veciñanza “a botar unhas risas co filme”.
Dirixido por Toño Pérez e cun elenco formado por actores e actrices como Xosé A. Touriñan, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández ou Iolanda Muíños, entre outras, o filme, rodado en plena pandemia en localizacións de Ourense, estase a converter nunha das estreas do ano. Mantense en salas comerciais de Lugo, Coruña e Compostela despois de doce semanas na carteleira.
Calendario de proxeccions
- 09/07 Lourenzá
- 11/07 Mondoñedo
- 15/07 Outeiro de Rei
- 17/07 Pantón
- 24/07 A Pastoriza
- 07/08 Láncara
- 09/08 Taboada
- 09/08 Cervantes
- 25/08 Carballedo
- 27/08 Muras
- 04/09 Castroverde
- 12/09 Palas de Rei