A Deputación de Lugo colabora con FADEMGA con 2.500 euros

Tomé Roca enmarcou este acordo de colaboración “no compromiso que mantemos desde a Deputación de Lugo coa inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual”
Deputación-Sinatura-convenio-FADEMGA
12 Nov 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un acordo de colaboración co presidente da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA), Eladio Fernández Pérez, a través do cal a institución provincial realiza unha achega económica de 2.500 euros para colaborar co servizo de orientación laboral desta entidade.

Tomé Roca enmarcou este acordo de colaboración “no compromiso que mantemos desde a Deputación de Lugo coa inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual”.

Nesta liña, o mandatario provincial remarcou que “as administracións públicas debemos traballar da man do tecido asociativo co obxectivo de eliminar barreiras e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas”.

Esta prestación, que conta coa consideración de ser Centro Colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia desde o ano 2004, atende de xeito directo a case 400 persoas con discapacidade intelectual da provincia de Lugo.

Así mesmo, e tendo en conta as súas familias, son máis de 700 as persoas que resultan beneficiarias deste programa específico no que se inclúen actuacións dirixidas a potenciar o seu desenvolvemento e a toma de decisión autónomas. Ademais, tamén lles facilita unha serie de recursos para a procura de emprego co obxectivo de que poidan conseguir un posto de traballo.

Os usuarios e deste servizo deben ter acreditada unha discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, ser maiores de 16 anos, residir nun concello da provincia de Lugo e estar inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

0.10878491401672