Conxo celebra en maio o centenario da súa anexión a Compostela e unha nova edición da Festa do Banquete

Conxo terá un protagonismo especial este mes de maio coa celebración de dúas efemérides: o centenario da súa anexión ao Concello de Santiago e a VI edición da Festa do Banquete. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a tenenta de alcaldesa, María Rozas, presentaron o programa destas actividades que poñen en valor a historia, a identidade e o dinamismo deste barrio compostelán.
O acto central do centenario terá lugar o xoves 15 de maio. A corporación municipal de Santiago sairá ás 18.00 horas en comitiva desde o Pazo de Raxoi rumbo a Conxo, reproducindo o camiño que fixera hai cen anos a última corporación conxoense. A parada na praza de Vigo servirá para homenaxear a Rosalía de Castro cunha lectura de poemas. O pleno extraordinario será no hospital psiquiátrico de Conxo ás 19.30 h, seguido dun concerto da Banda Municipal e un petisco de convivio.
Ademais, durante o ano desenvolveranse roteiros teatralizados, rutas de sendeirismo, presentacións de libros e a exposición "100 anos, 100 fotos" coas parroquias do antigo Concello de Conxo.
A Festa do Banquete celebrarase do 23 ao 25 de maio. Este ano terá como parroquias convidadas a Figueiras e Aríns. Haberá Cantos de Taberna, mostra de oficios, mercado do libro, actividades infantís, o tren turístico e o tradicional desfile teatralizado cos Quinquilláns. O xantar popular do domingo lembrará os ideais do histórico Banquete de Conxo de 1856: democracia, igualdade e fraternidade.