A Xunta destaca a importancia da produción de grelos na nosa comunidade na XIX Expogrelo de Abadín

Abadín (Lugo), 1 de marzo de 2025. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiron hoxe á XIX edición da feira Expogrelo, no concello lucense de Abadín, onde destacaron a importancia dos grelos producidos en Galicia, definíndoos como un verdadeiro símbolo do noso agro e un ingrediente fundamental na gastronomía tradicional, especialmente durante o Entroido.
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, conta cun selo propio que garante a calidade deste produto: a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Grelos de Galicia. No ano 2023, esta IXP certificou un total de 111 toneladas de produto, cun valor de mercado de 222.000 euros. Actualmente, a indicación conta con 178 produtores e unha superficie inscrita de 55 hectáreas, das cales 14 atópanse neste concello lucense.
Por outra banda, a Consellería do Mar participou no evento cunha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR, a través da cal a Xunta de Galicia achegou aos asistentes o mellor sabor das rías galegas. O obxectivo é concienciar á poboación sobre a importancia do consumo de peixe e marisco para a saúde, ao tempo que se promove un sector estratéxico que achega preto do 5% do Produto Interior Bruto (PIB) galego.
Esta iniciativa forma parte das distintas accións que o departamento que dirixe Villares ten en marcha en materia de promoción dos produtos do mar e da acuicultura galega. De feito, segundo destacou o conselleiro, ao longo deste ano mobilizaranse 20 millóns de euros neste ámbito, un 75% máis ca no exercicio pasado. A finalidade é seguir fortalecendo alianzas que melloren a comercialización e permitan estudar os patróns e tendencias de consumo.