Vuelven las Festas do Apóstolo con una programación "diversa y descentralizada" que arrancará con el pregón de la deportista Blanca Millán

O venres 18 de xullo darán comezo as Festas do Apóstolo 2025 cun pregón a cargo da xogadora de baloncesto compostelá Blanca Millán, que foi presentada esta mañá pola concelleira de Festas, Pilar Lueiro. A edil destacou que este ano “afianzamos unhas festas que se consolidan como diversas, descentralizadas, para todos os públicos e toda a familia”, con concertos, cinema, espectáculos tradicionais, danza, atraccións e actividades infantís.
Entre os nomes destacados da programación musical figuran Biznaga, Youssou N’Dour, Sés, Baiuca, Maika Makovski, Saxos del Averno ou Serafín Zubiri. Non faltarán tampouco citas clásicas como o desfile de cabezudos, as alboradas, o Día do Traxe, as orquestras ou os fogos artificiais do 24 e o 31 de xullo. As atraccións estarán na Alameda do 17 ao 31, con cinco días sen ruído para garantir o acceso inclusivo.
Millán, emocionada co nomeamento, reivindicou a igualdade real no deporte: “gústame pensar que o deporte feminino é presente e futuro, e que non necesita xustificacións, só condicións xustas”. A concelleira eloxiou a súa traxectoria e compromiso co deporte feminino: “representa o que queremos para este concello”.
A programación estenderase por espazos como Galeras, San Martiño Pinario, Mazarelos, A Quintana, Alameda, Bonaval, Eugenio Granell ou o rural, cunha ampla variedade de estilos e formatos. Tamén se recupera o Palco da Música da Alameda para actuacións familiares.
Outro dos puntos fortes será o Compostela Cinema, con proxeccións nos barrios e centros socioculturais os días 26, 27, 28, 29 e 30 de xullo. Ademais, instalarase un Punto Lila do 19 ao 31, de 20 a 01 horas, e haberá atraccións sen ruído de 17 a 19 horas os días 19, 20, 21, 28 e 29.
O cartel deste ano rende homenaxe ao deseñado por Castelao en 1912, reinterpetado para esta edición. Pode verse nos corredores do Pazo de Raxoi e na exposición “Traxes e cores de Galiza” no Colexio de Fonseca.