15 concellos ourensáns súmanse ás zonas tampón pola praga de corentena da flavescencia dourada da vide

As novas zonas afectadas son os concellos de Bande, Cartelle, Castrelo de Miño, Gomesende, Melón, Ramirás, Ribadavia, Entrimo, Lobeira, Lobios, Monterrei, Oímbra, Quintela de Leirado, Verea e Verín
Vide afectada por Flavescencia Dourada
Imaxe dunha vide afectada por Flavescencia Dourada
6 Aug 2025

A Consellería do Medio Rural publicou este martes no Diario Oficial de Galicia a resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pola que se amplían as zonas demarcadas pola praga de corentena da flavescencia dourada da vide. Esta decisión ten como finalidade manter e reforzar as medidas urxentes destinadas á erradicación e control desta enfermidade que afecta ás vides na nosa comunidade, e que supón unha seria ameaza para o sector vitivinícola. En total, as novas zonas tampón afectan a 15 concellos, todos en Ourense.

A ampliación destas zonas prodúcese como resposta á nova delimitación establecida en Portugal, en aplicación da normativa europea de sanidade vexetal. Trátase dunha acción preventiva que busca frear a expansión dunha praga que afecta o sector vitivinícola galego, especialmente nas provincias de Pontevedra e Ourense.

Esta demarcación afecta tanto a parroquias completas como zonas parcialmente delimitadas dentro dos municipios de Bande, Cartelle, Castrelo de Miño, Gomesende, Melón, Ramirás, Ribadavia, Entrimo, Lobeira, Lobios, Monterrei, Oímbra, Quintela de Leirado, Verea e Verín. Trátase, na súa maioría, de zonas rurais cunha importante actividade vitivinícola e cun risco potencial de propagación da enfermidade. Actualmente, tendo en conta estas localidades, hai 30 concellos afectados en toda Galicia, dos cales 10 están en Pontevedra.

⚙ Configurar cookies
0.23296117782593