Os retratos e versos de Xela Arias encherán as rúas

Os retratos e versos de Xela Arias encherán as rúas de diferentes cidades da provincia de Lugo, para homenaxear á poetisa
exposicion xela arias sarria inauguracion
2 May 2021

Inaugurouse en Sarria a exposición Xela Arias. A poesía do retrato, unha colección de fotografías realizadas por Xulio Gil xunto aos textos poéticos da autora. Os vinte paneis que forman a mostra, con retratos en branco e negro que dialogan con cadanseu texto, quedaron instalados en distintos puntos do centro urbano de Sarria, conformando un roteiro urbano pensado para socializar a poética da autora homenaxeada pola Letras Galegas.

“As Letras Galegas son sempre unha oportunidade para celebrar e reivindicar a lingua e a cultura, pero neste ano, Xela Arias, danos unha oportunidade excepcional para chegar aos novos públicos da literatura galega. Xela Arias é unha autora singular, que contribuíu a renovar a poesía galega dos anos 80 en temas, estilo e forma. Que procurou,  a través da palabra, novos espazos  para a denuncia social, para a afirmación da perspectiva feminista e  para a creación en galego ía por diante do seu tempo e iso outórgalle á súa voz unha gran capacidade  para conectar coas xeracións do século XXI, coas xeracións que temos que animar a vivir en galego”, sinalaron durante a inauguración no Paseo do Malecón.

No acto, participaron Xulio Gil, autor dos retratos e compañeiro da poeta durante varios anos, Darío Gil, fillo da escritora e o fotógrafo, e mais Amparo Castaño e Marcos Arias, nai e irmán da autora. Tamén o deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, e a concelleira de Cultura de Sarria, Reyes Abella.

Os paneis da mostra instaláronse  na Casa da Cultura, na Praza da Vila, na Escalinata Maior, no Paseo do Malecón, no Parque do Chanto, na Rúa Ánxel Fole , no Parque Castro Agrasar e na Capela de San Lázaro, na rúa que ven de tomar o nome da autora.

“Xela Arias marchou de moi nova para a cidade de Vigo, pero nunca perdeu o seu vínculo con Sarria, e Sarria nunca perdeu o vinculo con Xela e a súa familia,  o legado da autora perdura e incluso conseguiu dignificar o rueiro da nosa vila apartando o nome dun fascista e poñendo o seu, facendo pasar esa rúa e un anaco de Sarria do gris ao violeta”, expuxo Efrén Castro, incidindo no feminismo da autora.

O acto contou co acompañamento musical do grupo local Malditos Roedores, que interpretaron seis temas en galego. Ao remate, a familia de Xela Arias recibiu como agasallo pola súa implicación no proxecto unha reprodución artesá dun mosaico.

20 retratos emparellados con fragmentos poéticos

A exposición consta de 20 retratos en branco e negro que dialogan con fragmentos da poesía dispersa da escritora, tradutora e editora sarriá.  A colección de imaxes permíten mergullarse no universo máis intimo da autora, retrátana posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. Imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela observa de fronte e con honestidade. 

As fotografías e poemas preséntanse impresas en panel metálico de aluminio de 3 mm. encadradas sobre 10 macromarcos de aceiro galvanizado sobre peana de formigón, un formato concebido para espazos exteriores que permite achegar a voz poderosa da autora e a súa imaxe icónica ao gran público.

As fotografías seleccionadas forman parte dunha colección máis ampla de retratos emparellados con fragmentos poéticos, que se plasmou no libro catálogo de título homónimo. A publicación repartiuse entre as persoas asistentes ao acto.

Itinerancia

Sarria é o punto inicial dunha itinerancia que continuará en Lugo, do 21 de maio ao 21 de xuño; en Chantada, do 22 e xuño ao 8 de xullo; en Monforte, do 9 de xullo ao 2 de agosto; en Viveiro, do 3 ao 26 de agosto; e en Ribadeo, do 27 de agosto ao 27 de setembro.

0.12659096717834