A AFIL busca o apoio dos concellos do interior para modificar a actual moratoria do eucalipto

O Pleno da Fonsagrada aprobou a moción de apoio e en Outeiro de Rei fíxose unha reunión informativa, que se repetirá en Friol o luns
reunion-afil-outeiro-de-rei
24 Dec 2025

A Asociación Forestal do Interior de Lugo (AFIL) vén de solicitar formalmente aos 40 alcaldes e alcaldesas dos concellos do interior da provincia que se posicionen publicamente respecto ás propostas que a entidade presentou para modificar a actual moratoria do eucalipto, unha normativa que, segundo denuncia, está a causar un grave prexuízo aos propietarios forestais destes territorios.

A través dunha nota remitida ás corporacións municipais, AFIL explica que vén de rexistrar emendas no Parlamento de Galicia no marco do proxecto de Lei de Orzamentos e das medidas fiscais e administrativas para o ano 2026, centradas especificamente no ámbito forestal. O obxectivo destas propostas é defender os dereitos e intereses dos propietarios e xestores forestais dos tres distritos do interior da provincia de Lugo, apostando por un modelo baseado na sustentabilidade, na protección do territorio e na estabilidade normativa necesaria para garantir o futuro do medio rural.

Desde a asociación consideran que as emendas formuladas son xustas, equilibradas e beneficiosas para a veciñanza dos concellos afectados, xa que responden ás necesidades reais das explotacións forestais, contribúen á loita contra o abandono do monte, favorecen a prevención de incendios e permiten a recuperación de zonas afectadas por enfermidades forestais, como a coñecida Banda Marrón.

AFIL solicita aos concellos que leven estas emendas a debate nos seus respectivos plenos municipais, como un punto específico da orde do día, e que, no caso de compartiren as reivindicacións expostas, amosen o seu apoio institucional trasladando tamén ao Parlamento de Galicia unha posición clara en defensa dos intereses dos propietarios forestais locais.

A asociación lembra que se trata dunha entidade totalmente apartidista, integrada exclusivamente por propietarios e xestores forestais, aberta a todas as sensibilidades políticas e sociais, e centrada unicamente na defensa do territorio, da actividade forestal e dos dereitos das persoas que viven e traballan no rural.

Finalmente, AFIL agradece o tempo dedicado polas corporacións municipais a analizar a documentación remitida e o esforzo que suporía apoiar estas demandas, subliñando que o interior de Lugo precisa estabilidade normativa, colaboración institucional e unha voz unida que permita garantir a continuidade da actividade forestal con seguridade e garantías. A entidade queda á disposición dos concellos para manter reunións, achegar aclaracións técnicas ou ampliar a información que se considere necesaria.

A FONSAGRADA, OUTEIRO DE REI E FRIOL

No pleno do concello da Fonsagrada aprobouse a moción de apoio a proposta de AFIL cos votos a favor do PSG-PSOE e do PP e o voto en contra do BNG.

O concello da Fonsagrada únese así ao concello de Castroverde no apoio a iniciativa da Asociación Forestal do Interior de Lugo (AFIL) na defensa dos dereitos dos propietarios forestais desta zona de 40 concellos en 3 distritos. AFIL defende que a verdadeira xestión forestal sostible ten que ser compatible cos dereitos dos propietarios forestais, algo que ata o de agora non se tivera en conta.

Ademais, o colectivo celebrou en Outeiro de Rei unha reunión informativa cunha asistencia aproximada de 90 persoas, "o que demostra o grande interese que está a xerar a defensa dos lexítimos dereitos de produción das nosas terras forestais. Durante a reunión fixéronse arredor de 20 altas de socios in situ", explican.

A exposición das propostas de AFIL, especialmente a defensa da capacidade produtiva do monte do interior e a necesidade dunha normativa xusta e adaptada á realidade dos propietarios, foi recibida con moito interese e apoio.

"Queremos agradecer especialmente ao señor alcalde de Outeiro de Rei a súa presenza e colaboración, así como a todos os asistentes polo interese, participación e respecto mostrado durante toda a xornada".

Dacordo o plan de traballo aprobado en asemblea por AFIL a seguinte reunión será o día 29 de decembro as 20:30 no centro sociocultural de Friol.

⚙ Configurar cookies
0.35250616073608