A alcaldesa recibe a Kip Thorne, premio Nobel de Física, no inicio da súa visita a Santiago no marco do Programa ConCiencia

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recibiu esta mañá no Pazo de Raxoi ao físico Kip Stephen Thorne, premio Nobel de Física en 2017, que visita a cidade no marco do Programa ConCiencia, promovido pola USC e o Consorcio de Santiago. Tras o saúdo institucional, Thorne asinou no Libro de Honra do Concello, onde destacou que era “unha honra e un pracer visitar esta histórica cidade” e quedou abraiado pola “elegancia e beleza” de Compostela.
A visita institucional abriu o programa de actividades do recoñecido científico en Santiago, que mañá 9 de maio impartirá a conferencia "Explorando o lado curvado do noso universo. Dende buratos negros e buratos de verme ata ondas gravitacionais e viaxes no tempo". A cita será ás 19:30 horas no salón de actos da Facultade de Medicina e estará aberta ao público.
Thorne recibiu o Nobel polo seu papel no desenvolvemento do proxecto LIGO, que permitiu detectar por primeira vez ondas gravitacionais, un fito histórico que confirmou as predicións de Einstein e abriu unha nova etapa na exploración do cosmos. O físico norteamericano é ademais unha figura clave na divulgación científica e colaborador do cineasta Christopher Nolan, asesorando filmes como Interestelar e Oppenheimer.