A CIG alerta dun mercado laboral precario en Galiza, con alta temporalidade e salarios baixos

A Confederación Intersindical Galega (CIG) advertiu esta semana da persistencia dun modelo laboral precario en Galiza, fortemente dependente da hostalaría e dos sectores estacionais. Así o denunciou o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, tras coñecerse os datos de paro de abril, que revelan que o 43% das novas afiliacións prodúcense na hostalaría, cun 65% de contratos temporais ou fixos descontinuos.
A organización sindical critica que os catro convenios provinciais da hostalaría continúan sen actualizarse, o que implica manter salarios por debaixo do mínimo interprofesional e condicións laborais moi por debaixo das esixencias actuais. A esta situación súmase a falta de negociación colectiva no comercio téxtil e na limpeza en provincias como Pontevedra e A Coruña.
Para a CIG, esta realidade evidencia a existencia dunha patronal “explotadora e atrasada” incapaz de mellorar as condicións laborais e que perpetúa a temporalidade, o emprego estacional e a precariedade.
A central nacionalista insta ao Ministerio de Traballo e á Inspección a actuar con contundencia contra o abuso dos contratos fixos descontinuos e o fraude laboral. Reclaman tamén unha redución real da xornada a 35 ou 32 horas semanais, un salario mínimo de 1.320 euros conforme á Carta Social Europea e un cambio de modelo produtivo baseado na diversificación e na aposta pola industria.
“O actual modelo, centrado no turismo e no emprego precario, non é sostible nin garante dereitos laborais nin futuro digno para Galiza”, concluíu Sío.