A CIG convoca concentracións este luns en demanda de convenios dignos para o SAF

A CIG-Servizos ten convocadas para o vindeiro luns, 14 de xullo, concentracións simultáneas nas catro provincias en demanda de convenios colectivos dignos para as traballadoras das residencias privadas de maiores e dos Servizos de Axuda no Fogar.
As protestas realizaranse ás 11:30 horas. Na Coruña serán diante do Espazo Amizar (Rúa Gregorio Hernández, 2-4); en Vigo, diante do edificio da Xunta de Galiza (Praza da Estrela); en Lugo, diante do edificio multiusos da Xunta (Ronda da Muralla, 70) e en Ourense, diante do edificio administrativo da Xunta.
Estas mobilizacións dan continuidade á campaña que a CIG está a desenvolver dende hai meses pola dignificación e o recoñecemento dos traballos de coidados e para reclamar a intervención da Consellaría de Política Social, como administración responsábel do sector en Galiza, de estabelecer as ratios e de realizar o labor inspector; mais tamén como responsábel da política de privatización dos coidados que está na base desta precariedade laboral e no deterioro da atención que se presta ás persoas usuarias.
O sector dos coidados, maioritariamente composto por mulleres, é a columna vertebral do apoio á poboación envellecida de Galiza, pero segue sendo cronicamente infravalorado e as condicións laborais son de auténtica miseria.