A CIG convoca sete xornadas de folga en Vestas Eólica para reclamar condicións laborais e salariais dignas

A CIG vén de convocar sete xornadas de folga en Vestas Eólica en demanda de condicións laborais e salariais dignas e en resposta á falta de avances na negociación do convenio colectivo pola postura inmobilista da empresa. A folga afectará a todos os traballadores e traballadoras dos centros que Vestas ten en Galicia (A Coruña, Viveiro e A Estrada) e desenvolverase os días 10, 14, 17, 21, 24, 28 e 31 de marzo, en horario de 00h ás 24h.
Coincidindo co primeiro día de paro, a CIG tamén ten convocada unha concentración nas instalacións de Vestas en Chavín, Viveiro.
Despois de diversas reunións coa empresa, que manobrou para esgotar os prazos e tentar que o convenio decaia, as conversas están estancadas debido á postura inmobilista da dirección. "A actitude da empresa é de imposición, presentándonos unha proposta de peche sen ter negociado nada, polo menos cos sindicatos que non temos a maioría", explican os delegados da CIG.
Os representantes da CIG denuncian que Vestas Eólica busca recortar dereitos e agravar o deterioro das condicións laborais cun novo convenio que empeora o anterior e que, como no pasado, podería levar á perda do poder adquisitivo dos salarios.
Para este III Convenio de Vestas Eólica, que regula o persoal da empresa en todo o Estado español, a CIG reclama melloras salariais, manter beneficios sociais como a flexibilidade para o persoal de oficina, revalorización salarial para o persoal de campo, a redución das xornadas anuais, así como melloras nas gardas, reténs e horas TOD (Tempo Ordinario Dispoñíbel).
Ademais, a CIG demanda que a flexibilidade sexa voluntaria e remunerada de acordo co esforzo que implica para as traballadoras e traballadores, e que se teñan en conta os problemas de conciliación entre a vida laboral e familiar, especialmente nun sector no que son frecuentes os desprazamentos fóra da provincia.
A representación sindical tamén subliña que estas propostas son perfectamente asumíbeis pola empresa, tendo en conta os beneficios obtidos en 2023 e 2024, e reclámanlle á dirección que presente propostas reais de negociación que aseguren condicións laborais e salariais dignas para o seu cadro de persoal.