A CIG denuncia a privatización da formación universitaria na rama sanitaria

As federacións de Saúde e Ensino da CIG manifestaron hoxe en rolda de prensa a súa “rotunda oposición” á implantación de novos graos universitarios no ámbito sanitario na Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) —propiedade de Abanca— en colleración con HM Hospitais. Estes títulos —Enfermaría, Biomedicina, Fisioterapia Médica e Deportiva, Podoloxía, Optometría e Fonoaudioloxía e Xestión de Sistemas de Saúde— compiten ou duplican os ofertados polas universidades públicas galegas.
Manuel González Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde, cualificou esta iniciativa como “competencia desleal” que perxudica á universidade pública e ao propio sistema sanitario, ao formar perfís orientados á sanidade privada e crear excedente de man de obra barata. Lembrou a falta de planificación real das necesidades de persoal —que debe recoller o Plan de Ordenación de Recursos Humanos— e advertiu do risco de xestores privados para a sanidade pública.
Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, denunciou o uso de “subterfuxios” nos nomes (por ex. “Fisioterapia Médica e Deportiva” vs. Fisioterapia) para eludir duplicidades. Criticou tamén a “americanización” do ensino universitario, con matrículas de ata 42.000 € en Psicoloxía, e a “política de colegueo” que outorga vía libre á UIE, vulnerando a Lei do Sistema Universitario Galego.
Ambos reclamaron á Xunta que cese este favorecemento do negocio privado e que planifique a titulación sanitaria rigorosamente, en función das necesidades reais do sistema público e sen intereses lucrativos.