A CIG denuncia que o Goberno español negocia un novo acordo salarial pola porta de atrás coas organizacións estatais

A central maioritaria na Galiza alerta das consecuencias destes pactos, que provocaron unha perda constante de poder adquisitivo no sector público
CIG
26 Mar 2025

A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) denuncia que o Goberno español está a negociar un novo acordo salarial na administración pública cos sindicatos estatais fóra da Mesa Xeral de Negociación do persoal empregado público, vulnerando así o marco legal de diálogo co conxunto das organizacións representativas.

A xuntanza tivo lugar este luns, 24 de marzo, coas organizacións CSIF, CCOO e UXT. Segundo a CIG, este tipo de acordos “pola porta de atrás” xa tiveron consecuencias moi negativas, como a perda de máis do 20% do poder adquisitivo do persoal e a imposibilidade de derrogar os recortes impostos á administración.

A CIG considera “inasumíbel” que se volva negociar sen atender as súas reivindicacións. Por iso, reclama unha cláusula de garantía salarial anual vinculada ao IPC real, e un acordo salarial plurianual que permita recuperar parte do perdido. A proposta da CIG é dun incremento do 5% para 2025, en liña co que medraron os salarios no sector privado.

A central galega advirte ademais da precariedade crecente no sector público, especialmente nas administracións locais, e denuncia que existen persoas empregadas públicas con salarios por baixo do SMI. Por iso, reclama que a Mesa Xeral sexa o espazo para abordar este problema.

Xornada laboral e dereitos

En canto á xornada laboral, a CIG propón reducir a 35 horas semanais en 2025 e avanzar cara ás 32 horas en 2026, adaptando a medida aos distintos sectores, como o ensino. Tamén aposta pola eliminación da taxa de reposición, a creación de novas prazas, a actualización de perfís laborais e unha regulación do teletraballo que garanta emprego e calidade no servizo público.

A nivel de xubilación, a CIG rexeita as reformas que pretenden atrasala até os 72 anos. Reclama a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos e da anticipada no Réxime de Clases Pasivas, así como unha equiparación dos seus haberes reguladores.

Finalmente, a central propón a creación dun ámbito de negociación propio para Galiza que impulse o uso do galego na administración pública, incluíndo un complemento salarial pola competencia lingüística, “para avanzar cara a unha sociedade con plenos dereitos lingüísticos”.

⚙ Configurar cookies
0.1301908493042