A CIG-Ensino cualifica de “insuficientes, tardías e mal formuladas” as reformas anunciadas pola Consellaría no proxecto E-Dixgal.

A CIG-Ensino denunciou hoxe a falta de participación da comunidade docente nas reformas anunciadas pola Consellaría de Educación no proxecto E-Dixgal, que cumpre xa unha década de implantación sen avaliación oficial. O sindicato acusa ao Goberno galego de actuar “de costas ao profesorado” e de manter unha actitude “alérxica ao diálogo e á negociación”.
A organización lembra que, en febreiro de 2022, fixo público un informe crítico elaborado a partir dun inquérito ao profesorado, no que se recollían numerosas deficiencias técnicas e pedagóxicas: problemas nos equipos informáticos, contidos pouco adaptados á diversidade, escasa presenza da lingua galega e mesmo erros graves.
A pesar de coñecer este diagnóstico, a Consellaría non aplicou melloras nin abriu un proceso de avaliación, e só actuou despois das críticas das familias. “Chegan tarde, mal e arrastro”, sentenzan desde a CIG-Ensino.
Entre as críticas máis contundentes está a relacionada coa gratuídade dos libros de texto, xa que o actual modelo de E-Dixgal impide ás familias acceder a axudas para a compra de libros impresos. As reformas anunciadas —que permitirían financiar só tres libros— resultan “claramente insuficientes” e non eliminan a discriminación.
O sindicato tamén censura que o Goberno galego non conte co profesorado en temas que lle afectan directamente, como o benestar dixital ou a chamada “estratexia de inclusión educativa”, anunciada nun “proceso de escoita activa” que exclúe precisamente a quen ten máis coñecemento sobre a realidade das aulas.
A CIG-Ensino esixe unha rectificación, a recuperación da gratuídade total dos libros de texto e a participación efectiva da representación docente en calquera medida relacionada co sistema educativo.