A Consellería de Medio Ambiente reforza o dispositivo de protección nos espazos naturais protexidos afectados polos incendios

As medidas afectan ao Parque Natural do Invernadoiro, á Enciña da Lastra e ao Courel
incendio-quiroga
19 Aug 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático intensificou as medidas de defensa nos parques e espazos naturais que se ven ameazados polos incendios forestais.

No Parque Natural do Invernadoiro están declaradas obras de emerxencia, o que permitiu o uso de maquinaria pesada para reforzar os cortalumes perimetrais. Tamén neste espazo, así como na Serra da Enciña da Lastra, lévanse a cabo labores manuais de ataque ao lume para incrementar a protección das zonas de maior valor ambiental.

Na provincia de Lugo está previsto declarar a emerxencia para facilitar traballos con retroescavadoras no Courel. O obxectivo é acondicionar unha pista que asegure o acceso a un punto de auga clave para as tarefas de extinción na zona.

Pola súa parte, todos os axentes medioambientais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural atópanse en situación de garda e á disposición dos servizos provinciais de prevención de incendios. Entre as súas funcións están a vixilancia de novos focos, o control de perímetros xa estabilizados e o apoio loxístico.

De xeito excepcional, aqueles axentes con formación e experiencia en extinción poderán incorporarse voluntariamente ao operativo contra os incendios. Nestes casos, a Consellería do Medio Rural facilitaralles o material de seguridade necesario e os equipos de comunicación para integrarse no dispositivo.

⚙ Configurar cookies
0.20580291748047