A Copa Deputación de Lugo xa ten os primeiros semifinalistas

Na feminina o Antas e o Milagrosa disputarán a gran final o 10 de maio, logo de pasar a fase de semifinal esta fin de semana
antas-copa-deputacion
6 Apr 2026

A Copa Deputación aproveitou a celebración da Semana Santa para convocar unha nova fase do torneo de fútbol, que xa ten os primeiros semifinalistas.

Na categoría de Preferente e Primeira, a cita do domingo deixou ao Ribadeo, Escairón, Monteroso e Guntín como os equipos que se disputarán o pase á final o 24 de maio, xa coa liga rematada. Os dous primeiros pasaron con resultados contundentes antes Foz e Castro, mentres que o equipo da Ulloa pasou pola mínima.

En Segunda e Terceira, so o Xermade logrou pasar tras os 90 minutos regulamentarios, no que obtivo un 0-3 ante o Casás. O Ferreira, o San Roque e o Pontenova, que foron os outros tres equipos que continuarán a competición, fixérono na quenda de penaltis. O primeiro logo dun partido sen goles e os outros dous cun 2-2 no marcador.

Pola súa banda, na feminina o Antas e o Milagrosa disputarán a gran final o 10 de maio, logo de pasar a fase de semifinal esta fin de semana. O equipo da Ulloa foi contundente (0-3) ante o Friol B, mentres que o milagrosista superou po 2-1 ao San Lázaro.

Nas categorías de base, tamén se celebraron algúns dos partidos previstos para estes días festivos, aínda que non todos. Así, na xuvenil, só houbo pase para Sarriana e Río Ouro, os dous na quenda de penaltis. Quedan pendentes para as próximas fins de semana os duelos Residencia B-Antas e A Piringalla-Lourenzá.

Na cadete as semifinais xa se disputaran así que esta fin de semana descansaron e a seguinte cita será o 3 de maio, ao igual que en xuvenil e infantil.

Nesta última categoría se celebraron tres dos partidos de cuartos. O Foz clasificouse por un claro 0-3 ante o Becerreá, mentres que Sarriana e Lourenzá o fixeron cun marcador máis axustado (3-2) ante Vilalbés e Residencia B. Queda por disputarse esta noite o duelo Lugo B-Burela.

0.44163393974304