A Coruña acollerá o II Concerto polo Lupus para visibilizar a enfermidade e apoiar ás persoas afectadas

Un evento solidario co obxectivo de recadar fondos para a investigación desta enfermidade crónica
lupus-galicia
21 Jun 2025

O vindeiro 11 de xullo, a Asociación Galega de Lupus (AGAL) celebrará a segunda edición do Concerto polo Lupus, un evento solidario que ten como obxectivo dar visibilidade a esta enfermidade crónica e recadar fondos para a súa investigación e apoio ás persoas diagnosticadas. A cita será na Sala Filomátic da Coruña, que colabora coa causa cedendo o seu espazo.

O cartel desta edición está composto por dous proxectos musicais emerxentes galegos: Braian de Palma e Alma Libre, escollidos tanto polo seu talento como pola súa conexión co público. “Aproveitamos esta oportunidade para dar un espazo a artistas galegos que creemos que merecen ser vistos”, subliñan desde a organización.

Braian de Palma é un artista que nos seus directos combina “intensidade rúa, ritmo e unha sensibilidade melódica capaz de mover a todo tipo de audiencias”. Pola súa parte, Alma Libre é un trío acústico que transforma os grandes himnos do pop español nun espectáculo “vibrante”, no que “tres voces, tres guitarras e unha posta en escena próxima conquistan ao público desde o primeiro acorde”.

Tras o éxito da primeira edición —que contou coa banda Naitinain e o solista Eris Mackenzie—, AGAL espera repetir a boa acollida e converter o concerto nunha cita anual de referencia: “Esperamos que este ano volva ser outro éxito absoluto”.

A través deste evento, a asociación quere lembrar que o lupus é unha enfermidade autoinmune, reumática e crónica que afecta especialmente ás mulleres novas. En Galicia, como noutros lugares, moitas persoas conviven cunha enfermidade invisible aos ollos da sociedade, pero moi presente no seu día a día. “Este concerto, ademais de ser unha maneira para recadar fondos, é un reclamo para que a xente coñeza que é o lupus e saiba que hai xente que vive cunha enfermidade constante que non se ve a simple vista”, explican.

O lupus afecta a 1 de cada 1000 persoas e pode manifestarse de forma cutánea ou sistémica, con brotes que impactan en órganos vitais. Os pacientes adoitan precisar atención de múltiples especialidades médicas, e sofren síntomas como cansazo extremo, depresión ou niebla lúpica.

As entradas estarán dispoñibles proximamente e os fondos recadados irán destinados a accións de apoio e visibilización desenvolvidas pola Asociación Galega de Lupus.

⚙ Configurar cookies
0.2823920249939