A Deputación acorda o apoio á candidatura para que Lugo sexa sede da Axencia Estatal de Saúde Pública

O Pleno tamén optará por esixir á Xunta que remate cos recortes en varios centros educativos da provincia
equipo-goberno-deputacion-pleno
30 Sep 2025

A Deputación de Lugo apoiará á candidatura do Concello de Lugo para que a capital da provincia acolla a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP). Así se acordou no Pleno celebrado este martes no Pazo de San Marcos tras unha proposta de Presidencia que contou co apoio unánime das tres forzas políticas da Corporación: PSdeG, BNG e PP.

Defendeu o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que “é unha cuestión de xustiza territorial” que Lugo albergue este organismo que terá por obxectivo centralizar, coordinar e reforzar a saúde pública de todo o país fronte ameazas e riscos que teñen que ver coa saúde pública. Que a capital lucense “conta cunha base sólida que a converte na candidata ideal” pola combinación das súas infraestruturas, dotacións e patrimonio e valorou que este proxecto “pode transformar a nosa cidade, atraer talento, xerar emprego cualificado e reforzar o noso papel como referente en saúde e investigación”.

Mediante este acordo, a Deputación solicita ademais o apoio explícito á candidatura do Concello de Lugo como sede da AESAP e dá traslado da decisión ao Ministerio de Sanidade e á Xunta de Galicia. O proceso de selección da sede rematará a finais de ano e son varias as cidades que optarán a acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública, como Zaragoza, Granada, León ou Oviedo.

Aprobada a Conta Xeral do 2024

O Pleno tamén aprobou, coa abstención do PP, a Conta Xeral do ano 2024 da Deputación, cumprindo así cos prazos legalmente establecidos, que determinan a obriga de presentar este expediente ante o Consello Xeral de Contas antes do día 15 de outubro. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, destacou que o gasto comprometido acadou no ano 2024 un 94,49% “amosando que a Deputación mellora a súa capacidade de xestión ano tras ano”.

Recortes en Educación

O Pleno acordou tamén esixir á Xunta de Galicia que remate cos recortes que levaron a unha situación crítica a varios centros educativos da provincia. Así se aprobou na sesión ordinaria do mes de setembro que tivo lugar esta mañá no Pazo de San Marcos, tras o debate dunha moción socialista que denuncia a problemática que viven moitos colexios públicos provocados pola falta de profesorado. A iniciativa, que se debateu xunto cunha proposta de Goberno en defensa do ensino público, contou cos votos a favor do PSdeG e o BNG e cos votos en contra do PP.

Destacou o Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, antes da sesión plenaria que “desde que goberna en Galicia o PP calquera inicio de curso é un problema. Todo baséase nos recortes, sobre todo no rural”. Valorou a “incapacidade” de xestión dos populares, que queda reflectida nas 157 prazas que quedaron sen cubrir en Lugo.

Nese sentido, a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, argumentou que “os problemas que recolle esta moción afectan de xeito máis acusado aos centros educativos do rural”. Unha maneira de actuar da Xunta do PP que “acentúa esa Galicia de dúas velocidades, cun rural relegado no económico, no educativo e no acceso aos recursos”.

Puxo como exemplo os casos de diferentes centros da provincia, destacando a situación que vive o CEIP Virxe da Luz de Portomarín. Neste concello, o curso arrancou con protestas ante a fusión dos seis cursos de primaria en dous grupos e a vacante dunha praza de inglés que continúa sen cubrir. A problemática é similar nos centros de Samos e Triacastela, cun único profesor de inglés compartido; no CPI Tino Grandío de Guntín, no que perderon dous profesores de primaria e dous de secundaria e non saben se terán substituto para a persoa que impartía inglés e plástica.

Tamén están nunha situación crítica o CEIP do Páramo, que ten alumnado agrupado de diferentes ciclos, idades e niveis formativos en apenas dúas aulas; ou o CEIP Península da Paz de San Cibrao, con recursos de apoio limitados a pesar de ter unha demanda crecente de atención educativa personalizada. García Porto mencionou ademais os casos doutros centros na Fonsagrada, Sober, San Clodio, Castro de Rei ou Guitiriz, Becerreá, As Nogais, Baamonde, Chantada ou Vilalba que tamén contaron protestas por recortes neste sentido.

O texto da moción recolle por unha parte que a Xunta manteña no CEIP Virxe da Luz de Portomarín o cadro docente do curso pasado e que cubra canto antes a praza de especialista de inglés que precisa o citado centro; que cumpra coas ratios de agrupamento de alumnos pactados cos sindicatos en outubro do 2023 e que garanta os cadros de persoal docente axeitados ás necesidades dos alumnos en todos os centros da provincia.

Pacto de Estado fronte á emerxencia climática

O Pleno sacou tamén adiante unha moción dos socialistas para pedirlle á Xunta de Galicia que apoie o pacto de Estado fronte á emerxencia climática proposto polo Goberno de España e a cumprir coas recomendacións do ditame da comisión de estudo sobre incendios pactado no ano 2018.

García Porto apelou á responsabilidade da Xunta de Galicia para pactar co Executivo en Madrid un plan de actuación destinado a reforzar os mecanismos de adaptación, mitigación, resposta e recuperación ante eventos climáticos extremos “que serán máis frecuentes e severos nos próximos anos segundo vén de demostrar a comunidade científica”. Esta moción tratouse xunto a unha iniciativa dos nacionalistas sobre a vaga de lumes forestais deste verán e a demanda de medidas de prevención e saíu tamén adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e os votos en contra do PP.

As mocións do PP

Os deputados do Grupo Provincial Popular acadaron a aprobación (votos a favor do PP, en contra do PSOE e abstención do BNG) dunha iniciativa para reclamar ante o Goberno do Estado que deixe de desconectar a Lugo por estrada, ferrocarril e polo aire “restando competitividade á provincia e lastrando o futuro da actual e vindeiras xeracións”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, agarda que José Tomé cumpra co acordo do pleno e “reclame de forma real e efectiva” ao Goberno de Pedro Sánchez que “mellore as comunicacións existentes e poña en marcha todos os servizos dos que carecemos, como aquelas infraestruturas que gardaron nun caixón e son vitais para a vertebración do territorio e mellora das comunicacións”.

“É fundamental impedir a desconexión de Lugo en materia de infraestruturas por parte do Goberno de Sánchez”, sinalou.

Antonio Ameijide tamén cuestionou “a nula valentía e capacidade de manobra” de Miguel Fernández, deputado provincial e alcalde de Lugo, que “mentres no pleno do Concello de Lugo votou a favor da mesma iniciativa, na Deputación ten que obedecer á ditadura de José Tomé”. “Debe ser de que dende a Praza Maior ata San Marcos perde a súa capacidade de decisión”, criticou.

“Mención semellante facemos ao BNG, xa que mentres os seus compañeiros do Concello de Lugo apoian esta reclamación, Efrén Castro, Iria Castro e Daniel García miran cara outro lado e coa súa abstención din que non hai nada que reclamar a Pedro Sánchez”, denunciou.

PSOE e BNG votaron en contra dunha iniciativa do Grupo Popular para que a Deputación de Lugo, "cumprindo coas competencias que lle confire a lei", colabore cos Concellos da provincia á hora de asesorar tecnicamente e achegar financiamento para executar melloras e dotar aos distintos núcleos de poboación de “servizos básicos” como o abastecemento de auga e o saneamento.

Os populares cren que “a Deputación, que ten máis capacidade económica que os Concellos, debe apoiar convenios coas distintas administracións e colaborar no financiamento destes servizos cos que si está a colaborar a Xunta de Galicia”. A pesar de tratarse de servizos municipais, a Lei Reguladora das Bases do Réxime Local tamén recolle que as deputacións provinciais deben asegurar os servizos municipais e prestar os servizos de carácter supramunicipal ou comarcal.

En relación ao Plan Deputación, subliñaron que “non é suficiente para facer fronte a investimentos tan elevados que requiren dun importante esforzo económico por parte dos Concellos”. É por iso polo que dende o Grupo Popular defenden un plan específico da Deputación en materia do ciclo da auga “que o goberno de PSOE e BNG se negou a poñer en marcha cando o propuxemos ante o Pleno da Deputación”.

MOCIÓN NACIONALISTA

O pleno aprobou tamén unha moción do BNG que demanda á Xunta de Galicia un xiro das políticas contra os lumes para centrarse na prevención e na ordenación do monte. O deputado Daniel García, que comezou a intervención con palabras de apoio e solidariedade para a veciñanza afectada e para o persoal de extinción, sinalou o “abandono da xestión forestal” por parte da Xunta de Galiza como un dos factores críticos fronte aos incendios.

“Os montes ocupan o 65% da superficie terrestre de Galicia, con 1,3 millóns de hectáreas de bosques e plantacións forestais. Hai máis de 600.000 propietarios forestais, dos cales a inmensa maioría non residen onde se atopa a propiedade forestal”, recordou o deputado para sinalar que “falta ordenación territorial. Debemos apostar por modelos de xestión que incidan no mosaico tradicional e permitan a descontinuidade das masas forestais continuas"

O deputado nacionalista sinalou que “temos normativa e leis máis que suficientes para aplicar políticas reais e eficaces de prevención dos lumes. Só precisamos vontade política. Algo que vostedes non aplican”, analizou o deputado nacionalista, que lembrou como o Partido Popular negou problemáticas advertidas desde o ámbito municipal como “a falta de medios e recursos dos concellos para asumir a xestión e o mantemento das redes de faixas secundarias ou aplicar os plan de prevención de incendios”.

O deputado nacionalista denunciou tamén que a Xunta teña sen asignar 2,5 millóns de euros de fondos europeos (FEADER) para acometer traballos de prevención de incendios como a creación de cortalumes e a limpeza das pistas forestais.

⚙ Configurar cookies
0.37803483009338