A Deputación aproba as bases para unha nova edición do programa Da Escola á Granxa

O proxecto, no que participan 45 granxas, conta cun orzamento de 200.000 euros
visita-alumnos-castroverde-granxa
15 Mar 2025

Rural da Vicepresidencia da Deputación prepara a cuarta edición do programa de actividades formativas en granxas e producións agroalimentarias do rural Da escola á granxa, que contará cun orzamento de 200.000 euros.

O deputado Daniel García informou da aprobación esta mañá, na Xunta de Goberno, das bases do programa, que dobra o investimento con respecto a pasada edición e que amplía un ano máis a súa oferta formativa, con 45 granxas involucradas, dez máis que na última edición, repartidas por toda a provincia e dedicadas a actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas.

Daniel García explicou que “seguimos reforzando este programa que ano a ano conta cunha gran acollida por parte das ANPAS e colexios pero tamén das gandarías, producións agrícolas e en xeral iniciativas de emprendemento no rural que ven nel unha oportunidade para dar a coñecer o seu traballo, os produtos que elaboran e o patrimonio natural da súa contorna”.

Nese sentido, o deputado destacou "a incorporación das novas granxas, a maioría delas proxectos familiares, que teñen en común a aposta pola diversificación produtiva e pola produción ecolóxica"

A convocatoria publicarase o vindeiro xoves 20 de marzo no Boletín Oficial da Provincia, abríndose daquela o prazo de solicitude para as ANPAS de centros escolares públicos de infantil e primaria.

⚙ Configurar cookies
0.10266208648682