A Deputación da Coruña recupera o primeiro documental rodado en Galicia en 1929

A Deputación da Coruña presentou este martes no Museo do Pobo Galego a restauración de “Un viaje por Galicia”, a primeira película documental muda rodada en Galicia e a única da época previa á Guerra Civil que se conserva íntegra. Dirixida por Luis R. Alonso en 1929, a cinta foi recuperada a partir dunha copia en celuloide que durante anos estivo custodiada no Arquivo da Deputación e que logo foi enviada á Filmoteca Nacional para a súa restauración e conservación.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que este filme representa “unha parte fundamental da nosa memoria colectiva”, valorando a súa importancia histórica e sentimental porque permite “revivir a Galicia de hai case un século”. Segundo Formoso, “recuperar esta película é recuperar parte da alma dun país”.
O contexto histórico no que se rodou a película foi un ano complexo: 1929 estivo marcado pola crise bursátil de Nova York, o fin da ditadura de Primo de Rivera en España e a transición en Galicia dun modelo rural a outro máis moderno. “Esta é a Galicia que quixo mostrarse ao mundo con esta obra, unha terra diversa, fermosa e chea de vida”, engadiu o presidente.
O documental realizouuse con motivo da Exposición Iberoamericana de Sevilla, un evento no que as rexións españolas buscaban proxectar a súa identidade. “Un viaje por Galicia” percorre as catro provincias galegas amosando paisaxes rurais e costeiras, cidades en transformación, edificios xa desaparecidos, escenas de traballo agrícola e pesqueiro, festas populares, a vida nos balnearios e unha comarca de Ferrol que comezaba a destacar na industria naval.
Para González Formoso, as imaxes “son un documento inestimable que non só mostra un país antigo, senón o nacemento da Galicia actual”.
A restauración levouse a cabo coa copia orixinal gardada no Arquivo da Deputación e coa colaboración da Filmoteca Nacional. Ademais, incorporouse unha nova banda sonora composta e dirixida por Maximino Zumalave, baseada en música de autores contemporáneos ao filme como Rodríguez Losada e Andrés Gaos, e interpretada en directo polo Cuarteto Novecento durante a presentación.
Tamén participaron no acto a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e o catedrático da USC e especialista en cine José Luis Castro de Paz, quen contextualizou historicamente a importancia do documental.
Con esta iniciativa, o Goberno municipal que lidera Inés Rey reafirma o seu compromiso coa promoción do deporte base e a práctica de actividade física saudable nun espazo emblemático como a contorna da Torre de Hércules.