A Deputación de Lugo, distinguida por AGAXADE co Premio Galicia á Mellor Xestión Pública do Deporte

O recoñecemento destaca o labor da área de Deportes e entregarase o 28 de novembro no Auditorio Fuxan Os Ventos
Efrén-Castro-vicepresidente-da-Deputación-de-lugo
19 Nov 2025

A Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXADE) recoñeceu á área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co Premio Galicia na categoría de Mellor Xestión Pública do Deporte, unha distinción que pon en valor a contribución das administracións públicas á promoción e ao fortalecemento do deporte no seu ámbito territorial.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, agradeceu este galardón e subliñou que supón “un impulso para seguir traballando á altura do tecido deportivo lucense, que fai que Galicia volva a ollada a esta provincia como referente deportivo”. O responsable provincial tamén fixo extensivo o recoñecemento ao servizo de Deportes, destacando o seu labor “eficaz e rigoroso” para sacar adiante as convocatorias de axudas e as colaboracións con clubs e deportistas.

Os Premios Galicia, que inclúen doce categorías, foron decididos por un xurado composto por representantes de AGAXADE, da FEGAMP, da Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da UDC, do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, da Asociación Galega de Xornalistas do Deporte e da Unión de Federacións Deportivas Galegas. A entrega dos galardóns terá lugar o 28 de novembro nunha gala que se celebrará no Auditorio Fuxan Os Ventos.

⚙ Configurar cookies
0.31322002410889