A Deputación de Lugo presenta en Barcelona o seu modelo para integrar a intelixencia artificial na xestión local

A institución lucense expón os seus proxectos piloto e aposta por solucións de software libre para garantir soberanía do dato e colaboración entre administracións
IA-Deputacion-de-Lugo-en-Barcelona
5 Nov 2025

A Deputación de Lugo defendeu en Barcelona a súa estratexia para incorporar a intelixencia artificial á administración local, no marco da xornada estatal Local.IA: despregamento de casos de uso, organizada pola Deputación de Barcelona e que reúne representantes municipais de todo o país.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, expuxo os primeiros avances da institución lucense nesta materia, centrados en aplicacións piloto que inclúen sistemas de transcrición automática, ferramentas de clasificación documental e solucións para optimizar procedementos administrativos.

Rivera Capón subliñou que Lugo está a iniciar este camiño cun enfoque prudente e realista, co obxectivo de mellorar os servizos que se prestan aos concellos da provincia. Destacou tamén que a Deputación foi convidada como exemplo en innovación pública pola súa aposta polo software libre e pola soberanía do dato, un modelo que evita depender de provedores privados e permite que cada municipio adapte ou escale as ferramentas segundo as súas necesidades.

Durante o encontro, a representación lucense tamén mantivo contactos con institucións que xa están a aplicar IA en ámbitos como a atención cidadá, a xestión interna e a automatización de trámites, o que, segundo o deputado, reforza a necesidade de cooperación e aprendizaxe compartida no ámbito local. Rivera Capón asegurou que Lugo está preparada para liderar este avance tecnolóxico desde unha óptica responsable e sostida no tempo.

A Deputación anunciou ademais que continuará desenvolvendo a súa propia estratexia de intelixencia artificial, orientada a ofrecer ferramentas útiles e accesibles aos 67 concellos da provincia. O obxectivo, recalcou Rivera Capón, é avanzar de maneira progresiva e garantir que ningunha administración local quede á marxe deste proceso de transformación dixital.

⚙ Configurar cookies
0.26231288909912