A Deputación de Pontevedra incrementa un 50 % as axudas ao deporte de alto nivel, que chegan aos 405.000 euros

A Deputación de Pontevedra vén de anunciar a convocatoria das súas axudas para a promoción do deporte de alto nivel, que este ano acadan unha contía total de 405.000 euros, preto dun 50 % máis que na edición anterior. As liñas DEPO_DAN (alto nivel), DEPO_DAN+ (para deportistas con discapacidade) e DEPO_TALENTO (alto nivel de base) están dirixidas a apoiar economicamente a deportistas, técnicos, xuíces e árbitros nados ou empadroados na provincia.
Este incremento responde ao forte aumento de solicitudes na última edición, cun 43 % máis de peticións. O prazo de presentación será de 20 días hábiles desde o venres 6 de xuño, tras a publicación das bases no BOPPO.
As axudas DEPO_DAN oscilarán entre os 500 e os 2.000 €, segundo os resultados acadados en competicións galegas, estatais ou internacionais. No caso de DEPO_DAN+, os importes serán maiores, entre 1.000 e 3.000 €, adaptados aos mesmos criterios pero recoñecendo o mérito adicional das persoas con discapacidade.
Para a categoría DEPO_TALENTO, destinada a deportistas nados entre 2008 e 2013 con logros en campionatos estatais, europeos ou mundiais, as contías irán de 500 a 1.200 euros.
Estas axudas pretenden compensar os custes derivados da práctica deportiva de alto nivel —como desprazamentos, adestramentos ou concentracións— e facilitar a continuidade profesional das persoas beneficiarias. A Deputación reafirma así o seu compromiso cun deporte provincial competitivo, inclusivo e con futuro.